A CIG-Ensino gaña as eleccións no centro San Xerome da Guarda e presidirá o comité de empresa

A central nacionalista logrou tres dos cinco delegados/as que se escollían

Vigo -

A federación de Ensino da CIG gañou as eleccións sindicais no centro San Xerome Emiliani da Guarda ao obter tres dos cinco delegados/as que se escollían. O comité de empresa constituise este luns e a súa primeira decisión foi que a presidencia sexa ocupada pola central como forza que obtivo máis representación.

Tras o proceso electoral celebrado o pasado 24 de novembro, a CIG-Ensino pasará a presidir o comité de empresa do centro San Xerome, integrado por tres delegados/as da central e dous da CUT. A decisión foi adoptada por unanimidade na primeira xuntanza da comisión que obstenta a representación do cadro de persoal.

O resultado das eleccións non foi definitivo na mesma data do 24 de novembro por mor da reclamación presentada pola CUT contra a distribución dos traballadores/as nos colexios electorais que prevé a lexislación: persoal técnico e administrativo por un lado e especialista e non cualificado polo outro. Finalmente, un laudo arbitral estableceu que as actuacións das mesas electorais foran correctas e, por tanto, todo o proceso electoral que rematara ese día co resultado antedito, e por suposto o censo elaborado. Unha vez comunicado o laudo, e coa confirmación de que non había ningunha outra reclamación, os delegados/as acordaron reunirse en xaneiro para constituír o comité de empresa.

Este comité agrupa a totalidade dos traballadores/as do centro San Xerome: o persoal adscrito ao centro educativo e ao centro ocupacional e o persoal do Centro Especial de Emprego, por seren as dúas empresas que formalmente están constituídas nunha agrupación de empresas a todos os efectos. Este feito quedou patente dende 2013 a través das diferentes sentenzas que se produciron nos diferentes conflitos xudicializados.

Neste contexto, a CIG-Ensino iniciou o proceso de eleccións a comité en abril, mais o proceso xudicializouse, resolvéndose o 20 de xullo mediante laudo arbitral favorábel á central nacionalista e que recoñecía que ao ser unha agrupación de empresas cabía realizar a convocatoria de eleccións tal e como defendía o sindicato, dando por válido o preaviso presentado pola CIG. A empresa volveu recorrer ante o Xulgado do Social, que o 29 de setembro ratificou o laudo. Mais a pesar de estar aclarado que se podían realizar eleccións ao comité, houbo novos atrancos que atrasaron o proceso até finais de outubro, rematando o 24 de novembro cun resultado que lle deu maioría no comité á CIG-Ensino.

Dende a central agradecen a confianza dos traballadores/as que apoiaron a súa candidatura e agardan que nesta nova etapa haxa un clima de traballo e negociación favorábel á mellora das condicións laborais do conxunto dos traballadores/as.

Volver