A CIG-Ensino gaña de novo as eleccións sindicais no ensino público non universitario

Obtén 8 representantes na Mesa Sectorial fronte aos 7 que suman o resto de sindicatos
Nacional - 05 Dec 2018

A falta de rematar o escrutinio na provincia da Coruña a CIG-Ensino duplica o número de delegados/as da segunda organización sindical (60 fronte a 28) e mantense como a forza maioritaria no ensino público galego.

Estes resultados afianzan o modelo sindical galego, de clase, plural, democrático, participativo e próximo ao profesorado que representa a CIG-Ensino que agradece “a confianza e o apoio que o profesorado vén de amosar co seu voto maioritario á CIG-Ensino”.

Este apoio tradúcese na representación maioritaria na Mesa Sectorial, con 8 representantes fronte aos 7 que sumarían o resto de sindicatos. Ademais supón un aval e un recoñecemento ao traballo realizado nestes últimos catro anos, á oposición ás afrontas e abusos da Consellaría, ao combate permanente contra a LOMCE e á loita contra os recortes dos dereitos salariais e contra os ataques ao noso idioma. 

Aposta pola mobilización

A federación de Ensino da CIG adianta que seguirá apostando pola mobilización e a negociación para a consecución de melloras laborais para o colectivo docente, “sen dobregarnos ante as imposicións da Xunta de Galiza e denunciando os acordos fraudulentos aos que chega a administración con outras organizacións cómplices”.

Reitera a “confianza depositada en nós” a todo o profesorado galego e comprométese a defender o seu mandato até as últimas consecuencias. “Estamos certos de que na Consellaría o apoio maioritario á CIG-Ensino referendado hoxe polo persoal docente non foi acollido con agrado porque o noso modelo combativo é o único que lle fai fronte ás políticas restritivas do goberno Feijóo”.