A CIG esixe á Xerencia do CHOP que aclare en base a que acordo cedeu material da sanidade pública ao Quirón

A central acusa á dirección "de estar ou mentindo ou ocultando de maneira perversa que segue prestando material do Montecelo"

Pontevedra -

A CIG compareceu hoxe en rolda de prensa para responder ás ameazas de acudir á Fiscalía feitas pola Xerencia do CHOP tras denunciar publicamente o sindicato que se está a ceder material do hospital público Montecelo ao centro privado Miguel Domínguez (propiedade do grupo Quirón). Uns feitos que dende a Xerencia "negaron de maneira escandalosa", mais dos que a CIG ten proba. Por iso, a central nacionalista esixe que se depuren responsabilidades e acusa aos responsábeis da sanidade pública de estar "ou mentindo ou facendo unha ocultación perversa de que se continúa prestando material á privada".

A pasada semana, a CIG alertaba que no servizo de cirurxía do Montecelo se fixera unha solicitude de material "que nos consta e temos proba, foi cedido e segue cedido ao hospital Domínguez". O secretario comarcal da CIG de Pontevedra, Marcos Conde, explicou que a central tiña previsto abordar esta cuestión na seguinte reunión da Xunta de persoal do CHOP, "pero a resposta da Xerencia negando os feitos agrava a situación porque demostra que ou menten abertamente ou que non saben que é o que está a pasar cos medios do hospital".

A CIG esixe que se depuren responsabilidades

Conde reiterou que a CIG ten proba de que nestes momentos ese material continúa no Domínguez. Diante disto, a CIG esixe que se corrixa de inmediato esta situación, que se investigue que está pasando co material público e se depuren responsabilidades. Neste senso, reclamo da Xerencia que aclare se houbo operacións cirúrxicas no Montecelo que non se puideron realizar ou se atrasaron pola falta deses medios; e tamén se este é o único material prestado ou se hai outros medios públicos fóra do hospital.

De igual xeito, pedíuselle á Xerencia que explique en base a que acordos se realizou esta cesión tendo en conta que o pacto que habilitado para prestar medios ao Quirón durante a pandemia quedou sen efecto ao remate do estado de alarma, segundo anunciou a propia dirección do hospital.

"Esta cesión podería ser un erro, pero cando se tenta agochar un erro o que se demostra é que hai  unha premeditación en ocultar o que realmente pasa", aseverou. "A outra opción, engade Conde, sería dicir que fallaron os sistemas do SERGAS para o control do material, algo que semella pouco probábel".  Por iso, ante as ameazas de acudir á Fiscalía, Conde "animou" a Xerencia "como responsábel sindical e como usuario da sanidade pública" a que denuncie, porque "ou ben están mentindo ou ben dan por errados os datos dos sistemas de controis do SERGAS. E tanto unha opción como a outra deixa en moi mal lugar a Xerencia".

A trazabilidade do material permite coñecer en cada momento onde está

Pola súa banda, Paca Ferradás delegada da CIG-Saúde e traballadora no servizo de esterilización do Montecelo, salientou que o persoal segue os protocolos establecidos nos distintos servizos do hospital, polo que "todo o material que pasa polas nosas mans ten trazabilidade, é dicir sabemos en cada momento onde se atopa". Acusou a dirección do CHOP de mentir abertamente, "porque cando nos pediron do quirófano do Montecelo un material, soubemos ao momento que estaba no Domínguez".   

Ferradás subliñou que "estamos defendendo a sanidade pública, que é a que nos momentos complexos como a actual crise sanitaria nos atende a todas e a todos. E iso debería facer tamén a dirección do CHOP, contestar as preguntas que seguen sen resposta e velar polo material do hospital de referencia e deixar de amedrentar o persoal que denuncia o deterioro encuberto da sanidade pública". Neste senso, criticou que a dirección da área sanitaria pretenda "quitarnos credibilidade coas súas ameazas, cando temos probas dos feitos que denunciamos".

Volver