A CIG esixe o pago dos salarios ao persoal da estación de servizo de Rabisco Oil en Ferrol

Os traballadores acordaron iniciar mobilizacións de non regularizarse o pago das nóminas

Ferrol -

O persoal da estación de servizo Rabisco Oil (na estrada de Castela 318), composto por oito persoas, ten pendente de cobrar a mensualidade de maio e a paga extraordinaria de marzo. A FGAMT-CIG denuncia que o cadro de persoal leva soportando continuos atrasos no pagamento dos seus salarios desde hai moitos meses, mais a situación foise deteriorando até chegar ao punto da débeda destas dúas mensualidades. De feito, a nómina do mes de abril non se lles abonou até hai uns días.

A representación dos traballadores tenlles transmitido as administradoras da empresa (da familia de Manuel Rey) a necesidade de dotar de liquidez a empresa, para así facer fronte a esta débeda e poder ter produto suficiente para que a estación teña unha actividade normal.

Diante desta situación, o persoal decidiu en asemblea emprender accións mobilizadoras no caso de que non se regularice o pago das súas nóminas nos vindeiros días, así como emprender aquelas accións diante dos organismos competentes para que se proceda ao estrito cumprimento da legalidade vixente.

Volver