A CIG gaña as eleccións en Eroski-Familia da Coruña e logra incrementar a súa representación

A Coruña/Compostela/Ferrol - 04 Out 2023

A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas no día de onte na empresa Vego Supermercados (máis coñecida polo nome comercial das súas tendas Autoservicios Familia e Eroski) ao lograr 12 representantes no comité provincial da Coruña. Deste xeito, a CIG non só consolida a súa presenza nesta cadea de distribución, senón que consegue 3 delegadas máis que no anterior proceso. Pola súa banda, as candidaturas de FETICO obtiveron 9 delegadas/os, mentres que CCOO sacou 4 representantes.

O comité de Vego Supermercados da provincia da Coruña é un dos máis grandes que existe en Galiza ao representar a máis de 2.000 traballadores e traballadoras. Para a CIG-Servizos o resultado destas eleccións demostra o apoio de gran parte do persoal á estratexia da central sindical e ás reivindicacións a prol de recuperar a negociación colectiva no ámbito provincial fronte aos prexuízos que supón unha negociación afastada dos e das traballadores e centralizada en Madrid.

Actualmente a maioría do persoal de Eroski atópase en Galiza pero, non obstante, as súas condicións laborais e salariais están reguladas por un dos peores convenio do sector: o convenio de empresa de Eroski -de ámbito estatal- que dende o ano 2006, e firmado por FETICO, CCOO e UGT, decretou a segregación salarial do persoal de Vego Supermercados.

Até entón, ao persoal de Eroski-Familia aplicábaselle o convenio de comercio de alimentación da Coruña, mais dende 2006 cobran menos que as súas compañeiras e compañeiros de sector (como Gadis ou Froiz), perdendo miles de euros en salarios a causa dos miserentos incrementos pactados en Madrid.

En 2022, a CIG asinou o convenio do comercio de alimentación, un dos mellores que se recordan no sector, e embarcouse na batalla de reivindicar dunha vez por todas o regreso ao convenio provincial e que Eroski se integre neste marco regulador.

Pero ante a presión da CIG, a empresa apoiouse en CCOO e FETICO para ir firmando pequenas subas coas que tentar contentar o persoal. A última foi a confluencia cos salarios do convenio de grandes almacéns, que a empresa manobrou para que se cobrasen uns días antes das eleccións sindicais e con atrasos dende o mes de xaneiro.

"Non somos grandes almacéns"

A pesar disto, o resultado das eleccións evidencia que a maioría do persoal entende a batalla da CIG e comparte a estratexia de combinar acción sindical na rúa, negociación e recursos xudiciais. Porque ademais, a empresa apresurouse a facer as eleccións canto antes co obxectivo de evitar o resultado da demanda de conflito colectivo presentada no TSXG, cuxo xuízo está fixado para mañá xoves, a través do que a CIG reclama que se lle apliquen ao persoal de Vego Supermercados as retribucións económicas  que ten o persoal do resto do sector.

Ante as demandas e presións da CIG, a única estratexia da empresa é pasar a grandes almacéns, un convenio de miseria e inferior en condicións ao convenio provincial de alimentación. Por iso, o lema da campaña da CIG nestas eleccións foi "Non somos grandes almacéns".