A CIG gaña as eleccións en Gabadi e pasa de contar con tres representantes a ter maioría absoluta

Obtivo cinco dos nove delegados/as que se elixían para o comité

Ferrol -

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas, onte xoves, en Gabadi ao obter cinco dos nove representantes do comité de empresa. Deste xeito, a central nacionalista consegue a maioría absoluta e pasa de contar con tres delegados a ter cinco, o que supón un aval o labor sindical desenvolvido nos últimos catro anos.

Por colexios, no de Operarios/as a candidatura da CIG conseguiu 84 votos e 5 delegados/as, fronte aos 18 votos e un delegado que obtivo a lista da UGT. Mentres que no de Técnicos/as, a única candidatura presentada, a da UGT, obtivo os tres representantes que se elixían, malia a baixa participación rexistrada, xa que dun censo de 66 persoas só acudiron a votar 37 traballadores/as (35 votos para UGT e dous brancos).

Gabadi é unha empresa situada no Polígono de Río do Pozo, en Narón, que se dedica fundamentalmente á habilitación de buques e conta cun cadro de persoal de arredor de 200 traballadores e traballadoras.

A representación da CIG agradece a confianza depositada polos traballadores e traballadoras na súa candidatura "que reafirma e fortalece o noso modelo sindical" e reitera o compromiso na defensa dos dereitos laborais e salariais do conxunto do persoal. Neste senso, os delegados da CIG apuntan que o novo comité emanado destas eleccións "vai ser transparente e asembleario. Nunca imos negociar nada do que non esteades puntualmente informados e informadas e, por suposto, nunca imos asinar nada que non decidades vós en asemblea".

Volver