A CIG gaña as eleccións na fábrica Naturleite de Meira ao obter os 5 delegados/as do comité

Este resultado avala a acción da central durante o conflito que permitiu o acordo de melloras laborais e salariais
Meira - 03 Xul 2019

A FGAMT-CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas no día de onte na fábrica de Naturleite SL de Meira ao conseguir os 5 membros do comité de empresa que se elixían (3 no colexio de especialistas e 2 no de técnicos/as). A central nacionalista foi o único sindicato que presentou candidatura nos dous colexios e pasa así de contar con 3 delegados/as a ter a totalidade da representación no comité.

Para a FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña este resultado confirma o respaldo do persoal ao traballo sindical dos últimos catro anos, e nomeadamente á acción realizada durante o conflito que se viviu na fábrica en 2018 na demanda de melloras salariais e laborais. Cómpre lembrar que tras dun intenso calendario de mobilizacións, a convocatoria de varias xornadas de paro e dunha folga indefinida, os/as traballadores/as lograron arrincar á dirección un acordo que permitiu superar o marco do convenio estatal de industrias lácteas.

Así as cousas, co aval que supoñen estes resultados, a CIG reafirma o compromiso na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras e advirte que estará vixilante para que se manteñan as melloras económicas e das condicións laborais logradas no acordo de abril de 2018, que ten vixencia até o ano 2020.

No relativo á planta de Meira, a FGAMT-CIG sinala as perspectivas positivas que existen "ao estarse asentando un proxecto de futuro para a empresa e mesmo se comezou a formar a persoal co obxectivo de elaborar na fábrica de Meira produtos de maior valor engadido". Unha situación que contrasta coas ameazas á continuidade da fábrica que a empresa fixo o pasado ano en pleno conflito laboral.