A CIG gaña as eleccións no centro de traballo de Altia en Vigo

Obtivo 3 de 5 representantes que se elixían no comité do “Data Center” da tecnolóxica
Vigo - 12 Xan 2023

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas na empresa Altia, no seu centro de traballo de Vigo, correspondente ao "Data Center" desta empresa tecnolóxica galega. A pesar da situación actual de teletraballo, a participación dos traballadores e traballadoras no proceso electoral, cun tanto por cento de voto superior ao 70%, referenda o resultado conseguido pola central sindical, que acada 3 representantes fronte os dous da outra lista presentada, de CCOO.

Máis valor aínda ten o resultado acadado, pois era a primeira vez que a CIG-TIC conseguía presentar lista no centro de traballo vigués, o que demostra que os traballadores e traballadoras das TIC na Galiza coñecen e apoian o traballo e o modelo sindical desenvolto desde o sindicalismo nacionalista no sector das TIC, cun convenio TIC galego como prioridade, sen deixar de lado as negociacións nos diversos convenios estatais que actualmente son de aplicación nas empresas tecnolóxicas galegas.

Desde a Secretaría comarcal de Vigo da Federación das TIC amósanse satisfeitas co resultado, sobre todo porque "permite comezar forte cun traballo a prol do conxunto dos traballadores e traballadoras de Altia, pola mellora das condicións laborais e na loita por unha igualdade real de oportunidades" e porque "a maiores existe unha sección sindical con ganas de facer cousas e darlle un pulo á actividade sindical no centro de traballo", que desde a CIG-TIC agardan que se contaxie aos centros de traballos que Altia posúe polo país, nomeadamente no Milladoiro e na Coruña.