A CIG gaña as eleccións no transporte de Sogama na provincia da Coruña

Obtén os 5 delegados do comité cunha candidatura da que formou parte todo o persoal
Compostela - 30 Mai 2017

A CIG obtivo por vez primeira representación na empresa concesionaria do servizo de transporte de Sogama, Transportes Pacholo, conseguindo 5 delegados, todos os que conforman o comité. Foi ademais a única candidatura presentada e dela formaron parte todos os traballadores e traballadoras da empresa, agás os tres que conformaban a mesa electoral.

Deste xeito, saíron elixidos como delegados: Manuel Regueiro, que será ademais o presidente do Comité; Xosé Ramón Montero; Luís Fero; Juan José Arosa e Miguel Bello.

Os traballadores/as do transporte de Sogama veñen mantendo un conflito no tempo desde que se produciu o cambio da anterior empresa, Transporte Pellejero e Hijos á nova concesionaria, Transportes Pacholo, no mes de marzo de 2016. Daquela Sogama non contemplou a subrogación e os traballadores viron recortadas drasticamente as súas condicións laborais e salariais.

Ao longo deste tempo convocáronse dúas folgas e leváronse adiante innumerábeis mobilizacións por cuestións referidas a cuadrante de traballo, condicións de saúde laboral e de condicións de prestación de servizo. Unhas mobilizacións nas que se conseguiu unha importante unidade do cadro de persoal, que está facendo avanzar as condicións de traballo. Unha unidade que se pon de manifesto nesta candidatura, na que participaron todos os traballadores da empresa.

Manuel Regueiro Rei foi ademais escollido para ser o secretario comarcal da FGAMT de Compostela na recente asemblea celebrada pola federación.