A CIG gaña as eleccións en Sacyr Conservación na provincia da Coruña

A empresa encárgase do mantemento das autoestradas AP9 e AG55
A Coruña - 22 Abr 2022

A CIG acadou a maioría absoluta nas eleccións sindicais que veñen de celebrarse nos centros de traballo da empresa Sacyr Conservación SA na provincia da Coruña, que conta con 55 operarios/a se e que se dedica á conservación e mantemento das autoestradas AP9 (Ferrol-A Coruña-Compostela) e AG55 (Coruña - Coristanco).

A central recupera así a representación maioritaria logo de tres procesos fóra do comité, nunha etapa que a Federación de Construción e Madeira indica que estivo caracterizada "por un marcado inmobilismo que desembocou na perda de dereitos respecto á situación que existía con anterioridade".

En 2021, explican, a central nacionalista lograra recuperar presenza no comité tras unhas eleccións parciais motivadas por varias dimisións, e en 2022 recuperou a maioría absoluta ao facerse con 3 dos 4 membros en xogo no colexio de operarios/as, ao obter 36 votos fronte aos só 6 acadados pola lista de CCOO, que á súa vez quitou o único representante en xogo no colexio dos mandos intermedios.

A FCM entende que este resultado confirma que "o camiño iniciado hai un ano pola CIG de defensa implacábel e irrenunciábel dos dereitos do persoal, foi o correcto". Esta loita "manifestouse xa nunha vitoria xudicial contra os desprazamentos arbitrarios pola empresa dos operarios a outros centros, así coma a loita para a consecución do plus de perigosidade para o conxunto do persoal, cuxo xuízo se celebrou o pasado 8 de abril e que está pendente de sentenza".

De igual xeito, a CIG iniciou xa o traballo para conformar un novo comité de empresa, "que teña por única prioridade a defensa dos intereses do conxunto do persoal de Sacyr Conservación, e non outros".

Por outra parte, os resultados reforzan a presenza da CIG no sector da conservación de estradas, que recentemente comezou a organizarse en torno á central sindical para coordinarse en defensa do seu traballo, salario e seguridade.