A CIG gaña as eleccións sindicais en Acciona
A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas este venres en Acciona ao obter os/as cinco representantes do comité. Acciona é unha das principais construtoras do Estado e nestes momentos, en Galiza, encargase das obras públicas da autovía de Palas a Melide, a reforma dos hospitais de Lugo e Ferrol e estación intermodal de Compostela.
As CIG foi o único sindicato que presentou candidatura. No colexio de Técnicos/as, a lista obtivo catro delegados/as e 50 votos dun censo de 63 traballadores/as, mentres que no de Especialistas sacouse o delegado que se elixía cos sete votos posíbeis.
Con este resultado, a representación da CIG reforza o compromiso e o traballo para lograr a mellora e consolidación dos dereitos do conxunto dos traballadores e traballadoras e a dignificación do traballo no sector da construción.
Por un convenio galego da construción
Neste senso, a Federación de Construción e Madeira da CIG ten como un dos obxectivos a loita por conseguir un convenio galego da construción "á marxe dos pactos de cúpulas de UGT, CCOO e a patronal en Madrid", que dificultan cada vez máis mellorar os convenios provinciais "que en definitiva son aqueles nos que a clase obreira temos a oportunidade de ser parte activa na súa negociación para conquistar, mesmo a través da mobilización, melloras reais".
Por iso, a CIG defende que a partir de 2021 o que se negocie non sexa un novo convenio provincial, senón un convenio galego da construción.
De igual xeito, o novo comité comprométese a ser un instrumento útil para o persoal e actuar con total transparencia, máis próximo e dinámico para coñecer todas as problemáticas nas obras e do persoal desprazado, mellorar a capacidade de interlocución directa coa empresa ou constituír unha sección sindical.