A CIG gaña as eleccións sindicais en Detegasa e obtén os cinco delegados do comité

Narón - 20 Dec 2022

A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas en Detegasa (empresa de enxeñaría situada no Polígono do Río do Pozo de Narón) ao obter os cinco delegados do comité de empresa que se escollían. Con este resultado a CIG, que foi a única central que presentou candidatura tanto no Colexio de Técnicos/as como no de Especialistas, afianza súa representación ao pasar de contar con catro delegados a ter a totalidade do comité.

Para a Federación de Industria da CIG de Ferrol estes resultados avalan o traballo sindical desenvolto nos últimos catro anos (marcados polas regulacións de emprego dos anos 2020 e 2021) e agradece a confianza que os traballadores e traballadoras volveron depositar de maneira moi maioritaria nas candidaturas da central (que lograron 42 votos dun censo total de 60).

Neste senso, a CIG reafirma o modelo sindical asembleario, participativo e de compromiso na defensa dos dereitos e na mellora das condicións do persoal da empresa, nomeadamente na estabilidade do emprego, tendo en conta a elevada rotación que hai en Detegasa.