A CIG gaña as eleccións sindicais en Inaval ao obter catro das cinco persoas que integran o comité
A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas en Inaval (empresa do Grupo Cándido Hermida) ao obter catro das cinco persoas delegadas que se elixían para o comité. Deste xeito, a central nacionalista incrementa e consolida a súa representación nesta empresa situada no Polígono do Río do Pozo en Narón, ao pasar de contar con dous delegados/as a ter a maioría absoluta do comité.
A outra persoa delegada en liza resultou escollida pola candidatura da UGT, que até agora tiña a maioría da representación.
Con este resultado a CIG-Industria continúa consolidándose como primeira forza sindical no sector na comarca de Ferrolterra e para a federación o apoio logrado nas eleccións de Inaval é consecuencia da acción desenvolvida nos últimos anos nesta empresa en defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores.
Neste senso, a CIG-Industria lamenta os intentos da empresa (que se dedica á produción de mobiliario para Inditex e a habilitación naval) de irromper no proceso electoral para colocar nas listas a persoas que consideraba afíns aos seus intereses e reafírmase no seu modelo sindical asembleario, participativo e combativo.