• Nova

A CIG gaña por maioría absoluta as eleccións sindicais en Oysho na provincia da Coruña

É o primeiro proceso de elección de representantes nas tendas de Inditex tras a pandemia
A Coruña - 29 Xul 2022

A CIG revalidou a maioría nas eleccións sindicais celebradas nas tendas de Oysho na provincia da Coruña; unhas votacións que inician o proceso electoral nas distintas cadeas de tendas do Grupo Inditex. A CIG obtivo a maioría absoluta ao acadar 3 representantes, mentres que UGT obtivo 2 representantes.

A CIG-Servizos subliña que se trata do primeiro proceso de elección das representantes sindicais tras a pandemia e no que se miden as consecuencias do cambio de rumbo da dirección de Inditex nas súas relacións laborais. A multinacional optou por chegar a acordos a nivel estatal cos grandes sindicatos, de costas ás traballadoras, abandonando a negociación a nivel galego e provincial e endurecendo as condicións laborais.

Como consecuencia deses pactos asinados en Madrid, denuncia a CIG-Servizos, os horarios, os calendarios, a contratación, os salarios... sufriron un retroceso e conxelación, avalado polos sindicatos estatais que renuncian á negociación galega, apoiando incluso o peche de tendas e unha modificación substancial das condicións de traballo que, en realidade, foi un ERE encuberto.

A pesar do claro apoio da compañía multinacional aos sindicatos estatais, as dependentas de Inditex xa comezaron a mostrar a súa preferencia polo sindicalismo próximo e combativo que representa a CIG.