A CIG homenaxea a Begoña Caamaño e ponlle o seu nome ao salón de actos do local de Vigo
A CIG celebrou esta tarde en Vigo un acto en memoria de Begoña Caamaño -á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas- durante o que se salientou en especial o compromiso militante e o traballo sindical desenvolvido ao longo sa súa vida pola xornalista, escritora e activista nacida no Calvario. Precisamente neste barrio vigués se atopa o local do sindicato, cuxo salón de actos pasou a denominarse dende hoxe Begoña Caamaño Rascado en lembranza da compañeira.
O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, foi o encargado de presentar un encontro no que participaron familiares, compañeiras e amigas, ademais do secretario xeral da CIG, Paulo Carril. O responsábel sindical fixo fincapé na vertente máis comprometida de Caamaño e denunciou os intentos de reducir o seu legado “ás estreitas marxes do aceptable para a institucionalidade podre desta cidade e tamén deste país”. Neste senso, lamentou o “indecente desprezo” do Goberno local presidido por Abel Caballero “negándose a que o Concello a recoñecese coa Medalla da Cidade deste ano a unha filla desta cidade e deste barrio”.
Gonçalves incidiu no seu carácter de “militante da causa da soberanía para Galiza, de abandeirada coherente da lingua e de feminista valente e brava, cunha incombustible conciencia de clase, das que practicaban a solidariedade de palabra e de feito e que sempre apostou no colectivo e no ben común”. Ao tempo que puxo de manifesto o feito de que foi tamén “compañeira de loita na trincheira sindical: participou no Sindicato de Información de Galiza, creado en 1987, para entrar a formar parte do sindicalismo nacionalista en 1990, na daquela incipiente converxencia da CXTG e INTG, que dará paso, catro anos despois, á actual CIG”. Durante a súa traxectoria sindical foi membro do comité intercentros da CRTVG e do Consello da Radio Galega en representación da CIG.
Pola súa banda, Beatriz Caamaño, irmá de Begoña e integrante da executiva comarcal da CIG de Vigo, fixo un breve repaso por distintos aspectos tanto persoais como profesionais e militantes de Begoña, nunha intervención cargada de emoción e recoñecemento. A continuación a docente, escritora e sindicalista Marta Dacosta debullou algunhas claves da literatura de Caamaño e criticou os intentos de censurar determinados aspectos da súa biografía precisamente pola súa condición de muller, feminista e persoa comprometida coa emancipación da clase traballadora e a liberdade de Galiza.
O acto rematou co descubrimento da placa que denomina “para sempre” o salón de actos da CIG de Vigo co nome da compañeira Begoña Caamaño rascado e na que se pode ler: “En recoñecemento á súa vida de compromiso coa palabra libre a cultura galega, os dereitos das mulleres e a xustiza social. A súa memoria permanece viva nas nosas loitas”.