Traballo remite á patronal de Aforro a impugnación da CIG pola discriminación das traballadoras no convenio

As mulleres representan o 50% do persoal e teñen os niveis profesionais e salariais inferiores

Nacional -

A CIG-Banca impugnara o convenio colectivo das entidades CECA solicitando que o acordo non fose rexistrado nin validado polo Ministerio de Traballo e que se devolvese á comisión negociadora para dar cumprimento á lexislación en materia de clasificación profesional para evitar perpetuar a discriminación salarial das traballadoras nas antigas caixas. Onte mesmo, Traballo trasladou á patronal a impugnación para que esa comisión negociadora emita, nun prazo de 10 días, as alegacións que estimen pertinentes, quedando en suspenso o trámite do expediente.

A CIG-Banca entende que quedou acreditado que a clasificación profesional é a causa da discriminación indirecta das mulleres, polos propios datos proporcionados por CECA a petición da central sindical. “As mulleres son maioría nos niveis máis baixos do convenio e se as funcións do grupo de operacións son homoxéneas, debería analizarse cal é a explicación e implantar medidas correctoras”, afirma.

Lembra que o artigo 22.3 do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras obriga a analizar e corrixir os nesgos de xénero e os criterios de encadramento para evitar a discriminación e denuncia que, porén, “na negociación do convenio colectivo non se fixo, malia as reiteradas peticións, en solitario, da CIG”.

O 50% do persoal peor pagado e con postos máis baixos

Desde a federación aseguran que as mulleres representan o 50% do persoal, “pero teñen niveis profesionais inferiores e menores retribucións. Son maioría nos postos subdirección e xestión e minoría a partir dos postos de dirección”.

Ademais afirman que o traballo que desenvolven as traballadoras do sector “é de igual valor, coas mesmas funcións e xestionando a mesma tipoloxía de carteira e de produtos, como demostra o feito de que as formacións obrigatorias (MIFID, LCI…) sexan as mesmas”.

Por iso denuncia que a “arbitrariedade e a falta de definición na Clasificación Profesional é a que permite que sexan discriminadas, encadrándose nos niveis máis baixos”.

A CIG-Banca conclúe, á espera de que o Ministerio de Traballo resolva a impugnación que “perpetuar ese sistema discriminatorio, que naceu do convenio 2003-2006, como pretendían, sen atender nin sequera aos cambios legais, non é de recibo”.

Volver