
A CIG impugna os pregos do servizo de recollida do lixo do Concello de Cedeira ao detectar graves defectos

A Federación de Servizos da CIG vén de rexistrar un recurso especial en materia de contratación perante o Tribunal administrativo de contratación pública da Galiza sobre os pregos de contratación para a licitación do servizo de recollida de RSU, Punto Limpo e limpeza viaria do Concello de Cedeira, publicados en datas recentes.
Os motivos que obrigan a central sindical a tomar a decisión de impugnar o proceso “son que nos pregos non figura unha listaxe de persoal a subrogar pola nova adxudicataria do servizo cando é obrigatorio pola propia normativa vixente”, explica o secretario da CIG-Servizos de Ferrol, Francisco Cartelle.
Subliña que este dereito dota de seguridade xurídica ao persoal que se atopa prestando servizos na actualidade a respecto da súa continuidade neste, ademais de permitir coñecer a fondo ás empresas licitadoras “o persoal existente neste momento no servizo e tamén as súas condicións contractuais particulares (categoría, tipo de contrato, antigüidade na empresa, salario bruto anual, etc.)”.
Amplíase o servizo sen concretar o número de persoal
Pero a maiores desta irregularidade, os pregos tamén se impugnan pola falta de claridade a respecto do persoal necesario para levar a cabo o novo servizo, xa que se ve ampliado substancialmente: engádese un punto limpo móbil que até o de agora non existía, a nova ruta de recollida do contedor marrón, reforzos na periodicidade da recollida na tempada de verán, entre outros.
Porén, “non queda nada claro o persoal necesario para levar a cabo ditas tarefas con solvencia, e non tendo maneira de comprobar se a partida salarial é suficiente ou non ao non poder coñecer o número de persoas necesarias para realizar o servizo”.
Desta maneira, apunta Cartelle, as empresas que quixesen presentar oferta “estaríano a facer totalmente a cegas, posto que non hai xeito de poder comprobar se a oferta cubre todos os custes inherentes ao servizo, non podendo polo tanto dirimir se existen ofertas que incorran na tan temida ‘oferta con baixa temeraria’”.
Para a CIG resulta cando menos chocante que tras anos demandando a publicación dos pregos a través de múltiples reunións coa alcaldía e da acción sindical levada a cabo na vila, “o alcalde se esqueza xusto de publicar o documento que protexe o persoal que se organizou para destapar publicamente as súas vergoñas. Claramente non pode ser casualidade. Por iso, continuaremos a estar vixiantes no proceso de licitación coa intención de protexer o persoal do servizo dun alcalde tan ‘despistado’”, asevera.