A CIG conseguiu un resultado histórico nas eleccións sindicais celebradas o pasado 9 de novembro na empresa Herederos de Ignacio de la Iglesia, Metalúrgica Gallega (Arteixo), ao obter os nove delegados e delegadas que se elixían para o comité.
A CIG-Industria da Coruña salienta que se trata dun resultado sen precedentes na historia da representación sindical desta empresa, na que, por primeira vez, unha mesma candidatura consegue a totalidade dos membros do comité. Un respaldo que valoran como “extraordinario”, tanto pola amplitude do resultado como pola elevada participación rexistrada durante o proceso electoral.
Para a central sindical, estes resultados confirman a confianza das persoas traballadoras no modelo sindical da CIG, baseado na participación, na defensa colectiva dos dereitos laborais e na presenza activa nos centros de traballo.
A CIG considera especialmente significativo este resultado nunha empresa de referencia dentro do sector siderometalúrxico da comarca da Coruña. “Conseguir os nove representantes supón un importante recoñecemento ao traballo sindical desenvolvido e reforza a responsabilidade de dar resposta ás necesidades e reivindicacións do conxunto do cadro de persoal”, apuntan.
Destaca a CIG-Industria que este resultado se enmarca no avance da central sindical no sector do metal, consolidando a súa presenza en empresas estratéxicas e reforzando un modelo sindical que sitúa as persoas traballadoras e a súa participación no centro da acción sindical.