Persoal de Mercadona mobilizouse este martes diante da tenda que a compañía ten no Polígono da Gándara (Narón) para reclamar información e garantías laborais ante a implantación do novo modelo ‘Tenda 9’. A protesta enmárcase no calendario acordado polas seccións sindicais da CIG en Mercadona ante a falta de comunicación a respecto dun proceso que considera determinante para o futuro do emprego na cadea e que incluirá tamén concentracións en Vigo e Ourense os días 9 e 21 de xullo.
A mobilización en Narón desenvolveuse con motivo da reapertura desta tenda baixo o novo modelo ‘Tenda 9’, que é a primeira deste tipo que Mercadona pon en marcha na provincia da Coruña.
A CIG-Servizos leva dende o pasado mes de abril solicitando unha reunión coa dirección da compañía de alimentación para coñecer os detalles da implantación deste novo modelo comercial, sen obter resposta.
O sindicato considera que este novo modelo suporá unha redución dos postos de traballo e unha deterioración das condicións laborais. E advirte de que tras a imaxe pública de emprego estábel e salarios competitivos que proxecta a compañía existen situacións que cualifica de abusos de poder, prácticas antisindicais, penalizacións económicas e ritmos de traballo excesivamente exixentes. “Ademais da actitude represiva da compañía contra todo o que representa CIG, tal e como evidencian varias sentenzas ao noso favor por vulneración de dereitos fundamentais”, sinalan dende a central sindical.
Aposta pola restauración rápida
O novo formato de negocio que está a implantar Mercadona aposta por unha oferta máis orientada á restauración rápida, “potenciando o consumismo, competindo con cadeas de comida para levar e con establecementos de produto preparado e envasado”. Unha transformación que tamén suprime a atención directa pola agrupación de produtos envasados, substituíndo así as seccións de produto fresco. “As consecuencias destas decisións empresariais amparadas nunha redución de custes e na optimización de recursos vainas sufrir directamente o persoal”, alertan a CIG.
De feito, a posta en marcha deste novo modelo no establecemento ferrolán da Gándara xa está a evidenciar algunhas das medidas que a empresa podería estender a outros centros, “aplicando despedimentos, traslados de persoal a outras localidades e unha maior presenza de contratacións parciais ou descontinuas”. Dende a central sindical critican que estas prácticas contrastan cos importantes beneficios económicos que continúa rexistrando a compañía.
Por iso con esta campaña de protestas preténdese darlle un “toque de atención” a Mercadona para que “abandone o silencio” e explique “con transparencia” as consecuencias que o novo modelo terá para o conxunto das persoas traballadoras. Con este obxectivo, a CIG anuncia que continuará impulsando novas accións informativas e reivindicativas co obxectivo de garantir que todo o cadro de persoal dispoña de información “veraz e completa” sobre os cambios organizativos que se están a producir na empresa.
Próximas mobilizacións:
-9 de xullo: Mercadona da Avenida da Florida, en Vigo, ás 11:30 horas.
-21 de xullo: Mercadona das Lagoas, en Ourense, ás 11:30 horas