A CIG iniciará mobilizacións ante a negativa da UTE Geseco-Cespa a negociar o novo convenio colectivo

A empresa ten a concesión dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Teo
Teo - 24 Mai 2024

A CIG denuncia a parálise da negociación do convenio colectivo da UTE Geseco-Cespa, concesionaria da limpeza viaria e a recollida do lixo do Concello de Teo, debido á negativa da empresa a constituír a mesa para actualizar as condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras deste servizo.

Neste centro de traballo, explica Roberto Alonso, secretario da CIG-Servizos de Compostela, hai un convenio colectivo propio que se vén negociando con regularidade. O último finalizou o 31 de decembro do ano pasado, pero "despois de varios intentos realizados pola CIG, as empresas da UTE non sentan coa representación sindical para constituír a mesa e empezar as negociacións".

Dada a pasividade da empresa, e os prexuízos que supón para os dereitos laborais, salariais e sociais do persoal, a CIG-Servizos e a representación sindical mantiveron unha xuntanza coa Alcaldía do Concello de Teo, tendo como reposta "que se trata dun problema entre empresa privada e os seus traballadores".

"Con esta actitude, o Concello amosa un total desinterese por un servizo básico para a veciñanza como é a limpeza viaria e a recollida do lixo", critica Alonso. Por iso, a CIG-Servizos, ante a pasividade das empresas que integran a UTE e do Concello de Teo, iniciará nas vindeiras datas un calendario de mobilizacións para poñer en coñecemento da veciñanza a situación deste colectivo, non descartando incluso a convocatoria de folga.

A este respecto, Alonso sinala que "agardamos por parte da Alcaldía que, no caso de ter que chegar á convocatoria de folga, non decrete servizos mínimos abusivos, tal e como aconteceu o ano pasado no Concello de Ames e que foron anulados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza".