A CIG insta os Concellos a que exixan ás empresas do SAF que apliquen xa a suba salarial do 6,5%

No marco da campaña pola dignificación das condicións e un convenio digno para o sector
A Coruña - 02 Xun 2022

A CIG-Servizos iniciou este xoves na Coruña un novo calendario de mobilizacións para exixir unhas condicións laborais e económicas xustas para as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. Desta volta, a campaña céntrase nas administracións titulares deste servizo, os Concellos, a quen se vai instar mediante mocións e preguntas nos plenos a que obriguen as empresa concesionarias a aplicar de inmediato o incremento salarial do 6,5%, que se corresponde co IPC de 2021.

A primeira das concentracións tivo lugar este xoves diante do Pazo de María Pita, coincidindo coa celebración do pleno municipal e aproveitando que se ía debater unha moción neste sentido. O Concello da Coruña é uns dos numerosos municipios galegos que ten externalizado o Servizo de Axuda no Fogar que, malia ser un servizo básico, continúa a estar pouco valorado tanto a nivel económico como social.

No caso da Coruña, o SAF é prestado a través de Ingesan e Fepas, que son dúas das empresas que se negan a aplicar o aumento do 6,5%, segundo o establecido no convenio colectivo sectorial, que é de ámbito galego.

Por iso, con esta compaña quérese reclamar das administracións que teñen externalizado o SAF que defendan os dereitos destas traballadoras e obriguen as empresas adxudicatarias a  cumprir de inmediato co artigo 7 do convenio colectivo, procedendo a actualizar os salarios conforme ao IPC real de 2021. Un incremento do 6,5% que as traballadoras xa debería ver reflectido nas súas nóminas, pero polo que, a mediados de 2022, aínda seguen agardando.

Neste senso, a CIG-Servizos lembra que en Galiza hai 250 empresas rexistradas de Servizo de Axuda no Fogar para as que traballan unhas 8.000 persoas, o 95% mulleres. Porén psó 4 compañías actualizaron os soldos ao IPC real. O resto ou non pagou ou está aboando a metade (un 3,1% ou 3,2%), un incremento irrisorio cando estamos falando de salarios cativos e tendo en conta o medre imparábel da carestía da vida.

Un convenio digno

Con estas mobilizacións, que continuarán ao longo das próximas semanas en distintos concellos do país, tamén se quere reclamar un convenio colectivo que permita rachar coas condicións de precariedade ás que están condenadas as traballadoras deste servizo.

Cómpre subliñar que nestes momentos se está negociando o convenio galego de Axuda no Fogar (que leva 12 anos sen actualizar), pero a actitude patronal ten bloqueado calquera avance, ao insistir na súa negativa a incrementar os salarios como corresponde.

Adolfo Naya, secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, denuncia que nestes anos as patronais nunca puxeron en cuestión a suba salarial referenciada no IPC recollida no convenio "porque era cativa, pero agora que toca subir un 6,5% néganse a pagalo".

Naya explica que para este convenio a central nacionalista demanda, entre outras melloras, a redución da xornada semanal; que se compute como tempo efectivo de traballo desde que se sae até que se regresa ao propio domicilio; descanso mínimo semanal de 48 horas sen interrupción; que se aumente o prezo do quilometraxe e a cobertura das baixas ao 100% para todos os casos.