A CIG logra a maioría absoluta nas eleccións sindicais da Residencia Pública de Ribeira

Ribeira - 18 Xun 2026

 

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas na Residencia Pública de Ribeira, xestionada polo grupo Albertia, acadando a maioría absoluta e converténdose na forza sindical maioritaria no centro. Deste xeito, a candidatura da CIG impúxose á de UGT, que ostentaba a representación maioritaria ata o de agora.

 

Este resultado supón un importante respaldo da plantilla ao traballo desenvolvido pola CIG e polas súas delegadas durante os últimos catro anos, un período no que a central sindical mantivo un compromiso constante coa defensa dos dereitos de todas as traballadoras e traballadores da residencia, actuando sempre desde a proximidade, a transparencia e a participación.

Ao longo deste mandato, a CIG foi a organización que liderou a mobilización e a reivindicación en defensa dun convenio colectivo digno que mellore as condicións laborais e salariais do persoal

A confianza maioritaria expresada nestas eleccións constitúe un recoñecemento ao traballo realizado e un mandato claro para continuar avanzando na defensa dos dereitos laborais. Desde a CIG queremos agradecer o apoio recibido por parte das traballadoras e traballadores da residencia, un respaldo que asumimos con responsabilidade e compromiso para seguir traballando durante os vindeiros catro anos.

A CIG continuará sendo unha ferramenta útil ao servizo da plantilla, defendendo os seus intereses e loitando por unhas condicións laborais dignas, estables e de calidade para todas e todos.