A CIG logra a maioría no comité de Grafoplas

A central obtivo catro dos/as seis delegados/as que se elixían
A Coruña - 17 Xan 2020

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas este xoves en Grafoplas, empresa do sector de artes gráficas con varios centros de traballo no concello de Culleredo. A candidatura da central obtivo catro dos seis representantes do comité que se elixían e 41 dos 68 votos emitidos.

Con este resultado, a CIG acada a maioría no comité, o que supón un referendo á acción sindical desenvolvida nos últimos anos, e pasa de contar con dous membros a ter catro representantes. Logo de catro anos cun comité "desaparecido", os delegados e as delegadas da CIG márcanse como primeiro obxectivo a posta  en marcha do órgano de representación unitario do persoal e do comité de seguridade e saúde, "inexistente neste tempo".

Así mesmo, reforzan o seu compromiso na loita pola mellora das condicións socio laborais de todos os traballadores e traballadoras, por unha acción sindical transparente e polo traslado de información puntual ao persoal.