A CIG logra que a conserveira Albo de Vigo teña que facer indefinido persoal fixo descontinuo

Unha denuncia da central sindical diante da Inspección de Traballo obriga a empresa a regularizar a situación de 31 persoas traballadoras
Vigo - 05 Xun 2025

A FGAMT-CIG vén de lograr que a conserveira Albo de Vigo se vexa na obriga de transformar 31 contratos fixos descontinuos en indefinidos por requirimento da Inspección de Traballo a raíz da denuncia presentada pola central sindical diante da autoridade laboral.

Dende a CIG explican que levan tempo sinalando o “inxusto e discriminatorio” que supoñía que houbese persoas traballadoras fixas descontinuas -cunha antigüidade na empresa de entre sete e nove anos- que permanecían de alta 11 meses ao ano, deixando de traballar unicamente cando a compañía pecha no mes de decembro, coincidindo co Nadal. 

A central considera “inxusto e discriminatorio” que haxa persoal traballando 11 meses ao ano

De xeito que en novembro de 2024, durante a negociación do plan de igualdade, trasladáronlle á dirección de Albo a necesidade de pasar os contratos fixos descontinuos a indefinidos. “Quedaron de estudar a nosa demanda, pero pasaron as semanas e non se tomou ningunha decisión, polo que en decembro optamos por presentar unha denuncia na Inspección”.

A raíz da denuncia a empresa iniciou o proceso de regularización do persoal temporal, tal e como vén de conformar a Inspección, procedendo a converter en indefinidas a tres persoas traballadoras en abril deste ano e a oito máis en maio, mentres que as 20 restantes pasarán a ser indefinidas no mes de agosto.