A CIG denuncia que o plan integral que acordou onte a Xunta “é un paso máis na campaña do Goberno galego na criminalización das baixas médicas, no papel abusivo das mutuas e na privatización da sanidade pública, mentres seguen sen se adoptar medidas ante o empeoramento da saúde laboral das persoas traballadoras, a precariedade laboral e os recortes na sanidade pública, verdadeiras causas das IT”.
Así o afirma o secretario xeral, Paulo Carril, para quen “estamos ante un escándalo de Plan que malgasta e despilfarra diñeiro público para as empresas, o negocio das mutuas e o sector privado a conta da saúde das persoas traballadoras”.
Carril denuncia, ademais, a cantidade na que está orzamentado o plan, 45 millóns de euros, con axudas ás empresas, mentres se lle nega ás persoas traballadoras os tratamentos e coidados desde a sanidade pública, os complementos que melloren os ingresos ao estar de baixa, ou se eviten os despedimentos que as persoas con contrato temporal sofren normalmente por caer de baixa”.
O secretario xeral da CIG cualifica, ademais, a creación da figura do acompañante de “tomadura de pelo”, máis cando se “negan as dotacións de persoal na sanidade pública para que atenda como se debe ás persoas traballadoras”.
Canda isto, Carril afirma que eses 26 millóns anunciados como “melloras na sanidade pública”, son “mentira”. Neste sentido, asegura que van dirixidos a “engordar o negocio das mutuas”, ás que derivan todos os tratamentos das doenzas músculo-esqueléticas. “Os abusos e ilegalidades que fan as mutuas a diario, vese compensado con cartos públicos”, conclúe.
A CIG lamenta ademais o “bochornoso” espectáculo que deu UGT, asinando un plan que ataca á clase traballadora no seu conxunto e persegue ás persoas enfermas.
Precisamente para denunciar este plan e as súas consecuencias, a central sindical ten convocadas mobilizacións para o vindeiro día 8 de outubro, diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza das cidades galegas.