A CIG maniféstase contra a represión sindical en Barreras e pola readmisión do seu delegado inxustamente despedido

A central demanda unha solución industrial que ten que pasar pola intervención pública do estaleiro

Vigo -

Delegados e delegadas da CIG de diferentes sectores manifestáronse este mércores dende o estaleiro de Barreras até a delegación da Xunta en rexeitamento á represión sindical exercida pola empresa, esixir a readmisión do noso delegado no comité, Rafa Pérez, e para demandar unha solución industrial que garanta o futuro dun estaleiro imprescindíbel para o sector naval de Vigo.

A marcha forma parte das mobilizacións que a CIG vén realizando periodicamente dende que Barreras despediu de maneira inxusta e ilegal ao compañeiro Rafa, despois dunha acción simbólica desenvolvida pola central nacionalista nas instalacións para reclamar carga de traballo e unha solución á grave crise que atravesa o estaleiro.

Para o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, o despedimento de Rafa “é unha clara represalia en contra da CIG pola nosa posición firme esixindo unha solución industrial que garanta o futuro dun estaleiro imprescindíbel para o sector naval de Vigo". Denuncia que a actual dirección é responsábel, pola súa nefasta xestión, da situación límite que enfronta Barreras, en risco real de liquidación.

"Quixeron silenciarnos porque lles incomodaba a nosa acción sindical firme en defensa do emprego e na esixencia de solucións de futuro. Quixeron amordazarnos para silenciar as nosas reivindicacións, que contrastan coa posición de mansedume e entreguismo que practica, desgraciadamente, a maioría sindical no comité", lamentou Gonçalves.

"Non van conseguir que calemos"

A este respecto, entende que a través do despedimento de Rafa a dirección buscaba impoñer o medo entre o persoal, "mais non o conseguiron. Moi ao contrario, agora teñen en fronte a primeira forza sindical en Vigo e en Galiza, que é a CIG". E avanza que "non imos permitir que a dirección de Barreras, a mesma que levou o estaleiro ao abismo da liquidación, impoña o medo e o terror para poder actuar con impunidade".

Neste senso, advirte que “a desaparición de Barreras pode ser o golpe definitivo e letal para o conxunto da construción e a reparación naval na Ría de Vigo, "e non podemos consentir que unha industria estratéxica para a economía da comarca desapareza. Seguiremos mobilizándonos até conseguirmos que as gradas de Barreras volvan traballar a pleno rendemento”.

Abandono dos gobernos español e galego

Pero o secretario comarcal da CIG de Vigo quixo chamar a atención tamén sobre o abandonando no que os gobernos español e galego teñen deixado os traballadores/as do estaleiro e o conxunto da industria auxiliar, polo que lle esixiu “que deixen de mirar cara a outro lado” e que actúen “dunha vez por todas” para asegurar a continuidade de Barreras e para “blindar” o futuro do naval vigués.

Con este obxectivo, reclamou do Executivo estatal e da Xunta de Galiza unha "enérxica intervención pública que, desprivatizando Barreras, asegure a continuidade da actividade e do emprego". Pois agora, engadiu "é o momento das decisións, dos compromisos no BOE e no DOG, porque xa abonda de palabrería e discursos ocos".

Finalmente Gonçalves reiterou a importancia de defender o futuro de Barreras, xa que supón defender o futuro do sector naval, "e esta é a mellor maneira de frear a desertización produtiva que padece a nosa comarca e de reclamar o noso dereito irrenunciábel a un traballo digno na propia terra".

Volver