A CIG mobilizarase contra o despedimento dun traballador de Mercadona que foi na candidatura da central
A CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro luns, 31 de xullo, ás 12:00 horas, diante do Mercadona de Perillo (esquina rúa do Seixo-Avenida das Mariñas) en rexeitamento ao despedimento inxusto dun traballador desa tenda. A sección sindical entende que se trata dun novo episodio de persecución á CIG xa que o traballador foi na candidatura da central nacionalista ás eleccións sindicais celebradas o pasado decembro.
Neste senso, subliñan que o traballador non recibiu ningún apercibimento, sanción ou apertura de acta de reprimenda (método habitual de Mercadona para xustificar despedimentos arbitrarios) previamente á comunicación da carta de despido. De feito, o compañeiro non tiña a prevaloración suspensa e nos nove anos que leva traballando na empresa sempre cobrou a prima (que Mercadona utiliza como premio ou castigo ao persoal).
Por iso, apunta a presidenta do comité na provincia da Coruña, María López, "entendemos que se trata dun despedimento con carácter exemplarizante, xa que nesta tenda a CIG ten presentado multitude de denuncias na Inspección de Traballo e contra as actuacións despóticas da anterior coordinadora".
Para López, Mercadona pretende botarlle un pulso á CIG e amedrentar o persoal máis activo sindicalmente na defensa dos dereitos laborais, pois non cómpre perder de vista que despois das eleccións nas que a CIG revalidou a maioría absoluta no comité da provincia da Coruña e gañou por primeira vez en Ourense e Pontevedra, a empresa comezou unha campaña de persecución, acoso e despedimentos nestas dúas provinciais.
A este respecto, a sección sindical reitera que non tolerará este tipo de represións nin os abusos laborais e que dará cumprida resposta a calquera agresión da empresa contra os dereitos dos traballadores e das traballadoras.