A CIG mobilízase contra a actuación antisindical de Lidl tras da folga no almacén de Narón

A empresa aposta pola confrontación antes que negociar unha mellora das condicións laborais
Ferrol - 19 Abr 2021

A CIG desenvolveu unha concentración este luns diante do SMAC de Ferrol coincidindo co acto de conciliación pola denuncia que a empresa presentou contra a central sindical polos "prexuízos económicos" causados durante as dúas xornadas de folga convocadas no almacén loxístico de Narón, que rexistraron un seguimento total.

Para a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Ferrol, Cristina Martínez Padín, a actuación de Lidl é surrealista pois "nunca nos viramos nunha situación así. Pero a empresa prefire tirar por calquera lado antes que sentar negociar unha mellora das condicións laborais dos traballadores e das traballadoras do almacén". De feito, engade, os incumprimentos de Lidl provocan unha sobrecarga de traballo e a falta de persoal, así mesmo, implica un exceso de xornada que xa ten sido denunciado na Inspección de Traballo.

Martínez Padín lembra que se acordou convocar a folga despois de que no mes de xaneiro a empresa asinara en Madrid con CCOO e UGT un "convenio ponte" que consolida a perda de dereitos do conxunto dos traballadores e traballadoras e non atende as demandas sociais.

Tras recibir comunicación da folga, Lidl solicitou mediación no AGA, pero foi imposíbel chegar a ningún acordo porque a empresa se "limitou a dicir que xa hai un acordo estatal e non se moveu de aí". Ante este inmobilismo, leváronse adiante as dúas xornadas de folga que, malia as presións e manobras de Lidl, foron todo un éxito, xa que só entrou traballar o persoal eventual, polo que actividade no centro estivo paralizada.

Denuncias na Inspección de Traballo

Porén,  "lonxe de sentar a negociar a regularización das condicións laborais e a súa adecuación ao centro loxístico de Narón, Lidl continúa facendo ouvidos xordos ás demandas sociais". Esta actitude, explica a secretaria comarcal da CIG-Servizos, levou á convocatoria de tres días de folga na semana santa. "Diante da convocatoria, a empresa emprendeu accións contrarias ao dereito de folga, feitos estes que conduciron a que se adoptase a decisión de desconvocala, e a presentar denuncia na Inspección de Traballo por estas prácticas".

Entre tanto, Lidl presentou demanda polos danos e prexuízos económicos ocasionados polas dúas xornadas de paro de febreiro, reclamándolle á CIG 150.000€. "Descoñecemos que é o que pretende a empresa con esta demanda, que non ten xustificación. Entendemos que busca amedrentar o persoal e que cesen nas súa reivindicacións. Pero que saiba que así non vai rematar co conflito que ten aberto neste centro de traballo porque non imos parar na loita até que a empresa se aveña a dar cumprimento ás lexítimas demandas do persoal".