A CIG mobilízase contra o acoso laboral a un delegado sindical en Prosegur

A persecución comezou tras denunciar na Inspección a falta de medios para exercer o seu labor
A Coruña - 12 Xan 2022

A CIG mobilizouse este mércores no Carrefour do Centro Comercial Os Rosais (A Coruña) para denunciar a persecución que está a sufrir un vixiante de seguridade e delegado da sección sindical da central en Prosegur. As represalias comezaron despois de que o compañeiro denunciara na Inspección de Traballo a falta de medios técnicos para poder realizar o seu labor como vixilante e como delegado sindical.

A persecución, explica a sección sindical da CIG en Prosegur, materialízase a través da imposición de sancións arbitrarias e inxustas ao compañeiro, a última delas con carácter grave por un presunto deixamento de funcións na súa actividade "do que non se achegaron probas nin evidencias". Esta sanción derivou nunha suspensión de emprego e soldo "da que o compañeiro non é merecedor" e que será recorrida en vía xudicial.

Este tipo de prácticas, engade a sección sindical, estase convertendo en algo habitual en Prosegur, e inclúe todo tipo de artimañas como o revisado de cámaras para tentar descubrir calquera tipo de falta coa que poder sancionar o persoal. "Van organizando todo tipo de trampas para pillar os traballadores e traballadoras. Xa teñen despedido a compañeiros polo simple feito de comer unha onza de chocolate", sinala Mario Teijo, responsábel da sección sindical.

No caso do delegado sindical da CIG ademais, a persecución esténdese á súa compañeira, tamén vixilante de seguridade, á que chegaron a trasladar de centro de traballo, impedíndolle deste xeito poder conciliar a vida laboral e familiar.

Non é un caso illado

Non hai que perder de vista que a Inspección de Traballo de Ourense vén de requirirlle a Prosegur que aplique “de inmediato” o protocolo de acoso laboral en relación coa agresión que sufriu unha traballadora e representante do persoal pola CIG por parte doutro traballador. Malia a gravidade dos feitos, a empresa non só non activou o protocolo de acoso, senón que mesmo está dando amparo ao agresor (que lle provocou lesións á compañeira, á que mesmo intentou atropelar en varias ocasións).