A CIG mobilízase en solidariedade cos dous sindicalistas denunciados polo alcalde de Cedeira

Coincidindo coa vista para a toma de declaracións no xulgado de Ortigueira
Ortigueira - 08 Mai 2025

A CIG mobilizouse este xoves diante dos xulgados de Ortigueira en protesta pola denuncia interposta polo alcalde de Cedeira contra o delegado de persoal do servizo de recollida de lixo e o sindicalista da central, Xabier Rodríguez. Con esta mobilización, coincidindo coa vista para a toma de declaración ás partes, ademais de rexeitar a persecución sindical, a central quixo trasladar todo o seu apoio e solidariedade aos dous compañeiros.

A federación de Servizos de Ferrol cualifica de “ridícula acción legal” a denuncia interposta polo alcalde de Cedeira contra estes dous compañeiros “polo simple feito de ter criticado a súa falta de implicación na resolución do conflito laboral no servizo de RSU do Concello que preside”.

O secretario comarcal da CIG-Servizos, Francisco Cartelle, explica que os o persoal da recollida de lixo e a limpeza de viaria, farto de levar máis dunha década co salario conxelado pola falta duns pregos que actualicen as súas condicións laborais e salariais, decidiu iniciar accións para rematar con esta situación. 

Con este obxectivo, a CIG mantivo varias reunións coa alcaldía demando o desbloqueo da publicación dos pregos, pero a día de hoxe a situación segue igual “e nada se sabe dos pregos, a pesar de que o propio alcalde en persoal se comprometera en xullo de 2023 a remitir á representación do persoal unha copia do borrador”.

Cartelle critica que o alcalde “non teña tempo para sacar adiante o tan necesario concurso” e actualizar as condicións laborais do persoal e as necesidades do servizo, pero si atope tempo “para presentar demandas penais contra quen o critica por non facer o seu traballo coa dilixencia que se lle supón”.  

A este respecto, engade que, “pretender que un cargo público non poda ser criticado pola súa acción política, ou neste caso inacción política, non é propio dun representante político que debe estar sometido á crítica cidadá, e menos dun que leva a palabra socialista na nomenclatura da súa organización política”.

Por iso, avanza que este tipo de actuacións non van amedrentar a CIG e “seguiremos criticando aquelas actuacións inxustas e contrarias aos intereses dos traballadores e das traballadoras, por moito que pretendan  entorpecer a nosa acción sindical con demandas absurdas que lonxe de descualificar a nosa actuación sindical retratan a quen as emprende”.