A CIG mobilízase na residencia DomusVi de Laraxe para esixir que cese a represión sindical

A dirección presiona as delegadas e traballadoras que denunciaron en público as deficiencias do centro
Cabanas - 26 Mar 2021

A CIG mobilizouse esta mañá diante da residencia DomusVi de Laraxe (Fene) en rexeitamento á represión sindical que a dirección está a exercer sobre as delegadas do comité e as traballadoras que apoiaron as denuncias públicas sobre a situación laboral e asistencial que se vive neste centro.

A responsábel de residencias privadas da CIG-Servizos de Ferrol, Beatriz Fernández, explica que esta "brutal presión" por parte da dirección se intensificou despois da última rolda de prensa para advertir das condicións laborais, a falta de persoal, de medidas de prevención suficientes ou as deficiencias asistenciais que hai nesta residencias de DomusVi.

"Ás precarias condicións de traballo, agora estas traballadoras están sufrindo unha presión constante e silenciosa por parte da empresa a través dos mandos intermedios", denuncia Fernández. Neste senso, alerta que hai un importante número de traballadoras/es da residencia de Laraxe que se atopan de baixa psicolóxica precisamente polas condicións nas que teñen que desenvolver o seu labor e a sobrecarga de traballo.

Dende o comité e as delegadas da CIG tentouse en numerosas ocasións manter xuntanzas coa dirección para buscar solucións e garantir tanto unhas condicións laborais dignas como unha atención de calidade ás persoas usuarias. Porén, "o director non quere sentar falar con nós, nin nos ofrece información clara a respecto do número de persoas contaxiadas (neste centro rexistráronse varios gromos importantes), nin sobre os protocolos ou os equipos de protección", apunta Fernández.

Deixamento absoluto de DomusVi

Esta falta de interlocución é tal, que dende a representación da CIG dirixiuse un escrito ao departamento de Recursos Humanos de DomusVi en Vigo para solicitar a súa intervención, "pero a resposta foi a mesma pasividade que ten a dirección de Laraxe".

E nesta liña, critica as actitudes irrespectuosas e a prepotencia da dirección coas traballadoras cando reclaman os seus dereitos ou se queixan polas deficiencias nas condicións de traballo e asistenciais. A modo de exemplo dos modos da empresa, sinala que, despois de asegurar que non sabía como montar unha plataforma para facer unha reunión telemática, o director envioulle por burofax a delegada de prevención ao seu domicilio particular "un montón de protocolos e recursos preventivos. Así é a forma de traballar nesta empresa".

Diante disto, Fernández salienta que "o único que pedimos é que senten falar con nós, que nos expliquen e dean información veraz de cal é a situación real da residencia a nivel de cadros de persoal, medidas de prevención, protocolos de actuación etc. para poder facer o noso traballo nas mellores condicións para nós e para as persoas usuarias".

Responsabilidade da Xunta

Non cómpre perder de vista, que este centro, aínda que xestionado por unha empresa privada, é de titularidade pública, polo que a CIG apela á responsabilidade da Xunta que non está a exercer o seu labor inspector "e permite estas prácticas empresariais vergoñentas que mercantilizan os coidados das nosas persoas maiores".

Por iso, a central esixe da Consellaría de Política Social que, máis alá da propaganda, garanta unhas condicións de traballo dignas e que controle o reforzo de persoal para poder facer fronte á enorme carga de traballo que se rexistra dende o principio da pandemia.