• Nova

A CIG-Navantia denuncia a falta de compromiso real do Goberno na construción do dique cuberto e o de Carenas

Advirten que sen estas infraestruturas o futuro dos estaleiros queda lastrado
Ferrol - 24 Feb 2022

A CIG-Navantia denuncia a falta de compromiso real por parte do PSOE para a construción das infraestruturas que precisan os estaleiros da Ría de Ferrol, concretamente o novo dique cuberto e o dique de carenas. Así se desprende da reunión mantida esta semana co alcalde da cidade para falar dos investimentos en Navantia, que dende a sección sindical cualifican de "repetición das anteriores xuntanzas".

Critican que malia as declaracións públicas a favor destas reivindicacións, "isto non se corresponde coa actitude política ao non significarse na defensa destas infraestruturas", pois despois de dous anos de supostos trámites nada se ten avanzando. Por iso, advirten do escaso compromiso dos gobernos co naval público ferrolán xa que, nun momento no que están en xogo importantes fondos para o sector, non se contemplan sequera estes dous investimentos.

"Hai moitas medidas que poderían acompañar a esas infraestruturas pero teñan que ser elas as que tiren por ese HUB empresarial que se defende", afirman. A representación da CIG chama a atención sobre a necesidade de crear postos de traballo na comarca "e teñen que vir de que os barcos se fagan aquí, barcos punteiros tecnoloxicamente, mais que se constrúan aquí, porque ninguén vai vir fisicamente a instalarse na comarca se non temos esas infraestruturas. Non se pode seguir a construír en grada e non se poden perder pedidos en Carenas por falta de dique", salienta a sección sindical.

Lembran que moitas das subvencións que se deron a fondo perdido nos últimos anos dentro dos diferentes -e fallidos- plans para a comarca "non deixaron nada", mentres que un dique como o de Carenas "segue a producir efectos multiplicadores na economía 50 anos despois da súa construción".

Un sector que xera emprego e actividade na comarca

Neste senso, aclaran que o taller de bloques é un elemento importante pero sen o dique non ofrecerá futuro, pois todos os estaleiros cos que compiten as instalacións da ría de Ferrol xa teñen este dique ou están en proceso de construílo. De feito, a falta de infraestruturas suficientes provoca que Carenas deixe de coller pedidos "nun goteo continuo ano tras ano".

"É un sector que dá números negros, xera numerosos empregos que palían o problema dos dentes de serra da actividade militar, e numerosa actividade na comarca en varios sectores da súa economía. Co mercado de transformación que supón a obra da plataforma canadense temos o exemplo, ao haber un só dique con capacidade téñense que deixar ou adiar obras de importantes navieiras", advirten.

Por todo isto, a CIG-Navantia denuncia que "se non se apoian as diversas iniciativas presentadas ou outras que se poidan presentar nos diferentes organismos políticos, se non se toman iniciativas a nivel do Goberno agora, se non se aproveita a ocasión, por moito que se diga que se está en total sintonía coa parte social, é mentira, é unha fraude á cidadanía desta comarca e estarase traizoando unha vez máis a Ferrolterra".