A CIG non asina o convenio de residencias e centros de día privados ao non garantir condicións laborais dignas

O acordo non contempla cláusula de revisión salarial e establece unha redución de xornada insuficiente
Nacional - 31 Mar 2022

A CIG non asinou o convenio colectivo de residencias da terceira idade e centros de día privados de Galiza ratificado hoxe pola patronal e os sindicatos CCOO e UGT ao non garantir unhas condicións laborais dignas. O acordo non recolle unha cláusula de revisión salarial en base ao IPC nin contempla unha suba de soldos para os anos 2020 e 2021, polo que non garantirá o poder adquisitivo das arredor de 10.000 traballadoras do sector. Tampouco introduce melloras sociais como a ampliación das licenzas, ademais de establecer unha redución de xornada insuficiente.

A central celebrou este luns asembleas de delegadas/os sindicais e de traballadoras/es do sector para analizar contido do preacordo ao que se chegara co empresariado o venres pasado, nas que se optou maioritariamente por rexeitar a proposta. En consecuencia, a CIG non participou da sinatura do convenio que si subscribiron CCOO e UGT. 

A central vai iniciar unha campaña pola mellora dos ratios de persoal

Dende a CIG anuncian ademais que continuarán na loita para mellorar os ratios de persoal, polo que a central sindical vai poñer en marcha unha campaña para denunciar a responsabilidade da Xunta na sobrecarga de traballo e das condicións laborais de precariedade que padecen as empregadas/os das residencias e dos centros de día do noso país.