A CIG obtén a maioría absoluta nas elección sindicais de Noa Madeira Creativa

Fene - 09 Xun 2023

A FCM-CIG logrou a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas este xoves en Noa Madera Creativa ao obter 6 dos/as 9 representantes do comité de empresa, mentres que CCOO sacou 2 e o sindicato independente de persoal técnico conseguiu 1 delegado.

Deste xeito, a central nacionalista consolida e incrementa a súa representatividade nesta empresa punteira do sector da carpintería na comarca de Ferrol, ao pasar de ter 4 delegados/as a contar con 6. En canto ao número de votos, a CIG recibiu 64 apoios, CCOO recolleu 23 e a candidatura independente sacou 11 votos.

Para a FCM-CIG este magnífico resultado avala o traballo sindical realizado nos últimos catro anos, marcados pola conflitividade a raíz sobre todo da adquisición das instalacións de Fene por parte do Grupo Malasa e a política de precarización e desmantelamento aplicada pola nova propietaria, que incluíu traslados de persoal, un ERTE e o despedimento de máis de 60 traballadores/as.

O secretario comarcal, Marcos Sánchez, entende que este resultado é tamén consecuencia da acción da CIG durante a negociación do convenio provincial da carpintería e reflicte a aposta do persoal do sector por un modelo de sindicalismo combativo, asembleario e participativo.

Neste senso, a federación agradece a confianza depositada polos traballadores e as traballadoras na CIG e reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos e na loita pola mellora das condicións de traballo.