A CIG obtén a maioría absoluta nas eleccións sindicais de Bahía Software

Afianza así a súa posición no sector TIC, en loita por un convenio galego

Compostela -

A CIG vén de obter a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas a pasada semana na empresa do sector TIC Bahía Software con 6 representantes no comité de empresa fronte a 3 de UGT. Afiánzase así a posición da central sindical neste sector, en loita por un convenio galego.

Bahía Software, cun cadro de persoal de 140 persoas, é unha empresa dedicada á consultoría tecnolóxica en varios sectores, con sede no Polígono do Milladoiro (Ames). Hai 4 anos, nas eleccións sindicais, a CIG logrou 2 representantes dos/as 5 elixidos/as. Transcorrido este tempo a central sindical conseguiu aumentar a súa representación até acadar 6 representantes, do total de 9 que compoñen agora o comité, grazas á actividade sindical desenvolvida, pasando a ser a primeira forza e contar con maioría absoluta no Comité.

Así o reitera Tino Araujo, cabeza de lista da candidatura presentada pola CIG, para quen efectivamente "este resultado é o recoñecemento ao traballo que fixemos nestes catro anos” mais tamén supón un respaldo e “os folgos que precisamos as novas delegadas e delegados para seguir traballando por e para as nosas compañeiras e compañeiros de Bahía".

Volver