A CIG obtén a maioría absoluta nas eleccións sindicais en Hijos de Rivera (Estrella Galicia) a primeira vez que se presenta

A Coruña - 30 Mar 2023

A CIG obtivo á maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas este xoves na fábrica de Hijos de Rivera (Estrella Galicia), ao conseguir 9 delegados dos 17 que integran o comité de empresa. Esta é a primeira vez que a central nacionalista presenta candidatura e con este resultados evidéncianse as aposta do persoal da coñecidísima cervexeira por un cambio de modelo na acción sindical.

Até agora CCOO tiña a integridade da representación (13 delegados/as) e aínda que a CIG só presentou candidatura no Colexio de Especialista, onde se elixían 11 representantes, o resultado foi abrumador: 234 votos para a CIG e 60 votos para CCOO. No Colexio de Técnicos/as, os/as 6 candidatos/as a escoller foron para a lista de Comisións, a única que se presentou, aínda que só recibiu 50 votos dun censo de 243 persoas.

Co aval destes resultados, os representantes da CIG agradecen a confianza depositada polos compañeiros e compañeiras na súa candidatura e no proxecto sindical de cambio que representan. Neste senso reafirman o seu compromiso a traballar arreo polos dereitos do conxunto do persoal e a aposta decidida por facer unha acción dende o comité "transparente, sen mentiras, baseada na consulta, información e a participación de todos/as os/as traballadores/as, na defensa do cumprimento da legalidade vixente e na loita para avanzar nos dereitos e conseguir melloras das condicións laborais".

Sobre esta cuestión, a FGAMT-CIG apunta que malia o enorme crecemento que experimentou Hijos de Rivera nos últimos anos e o esforzo publicitario para trasladar unha imaxe de modernidade e compromiso, "a empresa segue a manter as mesmas estruturas organizativas arcaicas, o seu medre non foi acompañado de melloras laborais nin sociais, e o persoal segue padecendo a imposición unilateral das quenda e das vacacións, ten dificultades para conciliar etc".

Traballar para transformar esta realidade e as relacións laborais en Hijos de Rivera será un dos obxectivos prioritarios dos delegados da CIG no comité de empresa.