A CIG obtivo, por primeira vez, a totalidade da representación no servizo de conservación e mantemento da AP-9 e da autoestrada AG-55 (A Coruña-Coristanco), adxudicado á empresa Aquaterra Servizos Infraestructura. A candidatura da central nacionalista foi a única que concorreu a este proceso de eleccións sindicais logrando as cinco persoas que se escollían para o comité.
Con este resultado, a CIG convértese no único sindicato con representación neste servizo xa que tamén conta co delegado de persoal que se elixe pola provincia de Pontevedra.
É de salientar que hai seis anos a CIG non tiña representación no comité da Coruña e que as eleccións se producen en plena negociación entre a empresa e a parte social para a renovación do acordo de mellora das condicións de traballo.
A representación da CIG agradece a confianza depositada polos traballadores e traballadoras na súa candidatura e reafirma o seu compromiso na defensa e na loita dos dereitos do conxunto do persoal.