A CIG oponse ao acordo de ERTE en Barreras, que segue negándose a garantir a continuidade produtiva

A central dará a batalla para esixir solucións industriais e a readmisión do delegado despedido

Vigo -

O ERTE asinado no día onte por UGT no estaleiro Barreras evidencia a total falla de vontade por parte da dirección da empresa por asegurar a continuidade da actividade. Dito acordo contou coa frontal oposición da CIG, ao entendermos que o único que procura é facilitarlle o camiño a Ritz Carlton para liquidar o estaleiro, transferindo aos traballadores e ás traballadoras os custes das súa nefasta xestión á fronte do estaleiro, que o está levando ao abismo. 

Despois de prescindir de todo o persoal das empresas auxiliares e de despedir a todo o persoal eventual do estaleiro, agora Barreras manda literalmente ao paro a 124 traballadores e traballadoras durante un ano. A empresa, denuncia Alberto Gonçalves, secretario da CIG de Vigo, "non foi quen de poñer enriba da mesa ningunha garantía de que a actividade se vai reiniciar nalgún momento.  É máis, o acordo asinado por UGT non foi capaz nin de recoller un compromiso tan concreto como é que o Evrima regrese a Vigo para o seu remate".

Negociación marcada pola represión

Para Gonçalves resulta ademais inaceptábel que se 'pastelee' un ERTE destas características nun contexto marcado pola brutal represión sindical, "no que ás portas da súa negociación a dirección da empresa atreveuse a despedir de maneira inxusta e ilegal o delegado da CIG, co único obxectivo de amedrentar o cadro persoal".

A CIG seguirá dando a batalla, a través da mobilización e do conflito, para esixir non só a inmediata readmisión do seu delegado, senón, sobre todo, para reclamar solucións que blinden o futuro deste estaleiro imprescindíbel para o sector naval de Vigo. 

Unhas solucións que pasan pola intervención pública directa, diante da nefasta xestión e da incapacidade demostrada pola actual dirección privada, "para o que a Xunta do Partido Popular e o Goberno español de PSOE e Unidas Podemos teñen que deixar de ollar para outro lado e actuar para evitar o desastre que suporía a liquidación de Barreras. Dende a CIG non imos parar até lograr solucións de futuro para Barreras", sentenza.

Volver