A CIG-Ourense reclámalle á Fiscalía que retome a investigación da concesionaria da limpeza tras as detencións no STL da Coruña

A central presentara unha denuncia en 2020 polo “reparto mafioso” dos contratos e polo cobro de distintas cantidades por acceder a un posto de traballo no servizo
Ourense - 24 Feb 2023

A Unión Comarcal das CIG de Ourense reclamoulle hoxe publicamente á Fiscalía que retome a denuncia presentada pola central sindical en 2020 contra a concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, Ecourense UTE, ao entender que se estaba a producir un “reparto mafioso” dos contratos e se estaban a cobrar distintas cantidades económicas para acceder a un posto de traballo. A petición chega despois de que se fixese pública a detención na Coruña de varios responsábeis do Sindicato de Trabajadores de la Limpieza (STL), organización que tamén opera no servizo de recollida ourensán, por supostos delitos de corrupción entre particulares, estafa e branqueo de capitais.

O secretario comarcal, Anxo Pérez Carballo, e o responsábel de Comunicación e membro da Executiva comarcal, Alfonso Fernández Diéguez, compareceron esta mañá en rolda de prensa para solicitar que se reabra o caso ao considerar que “o mesmo entramado que se persegue na Coruña é o que teñen montado en Ourense, pero aquí a Fiscalía mirou para outro lado”. Neste senso, fixo fincapé en que o ministerio público conta con documentación dabondo, “porque nós naquel momento aportamos incluso extractos bancarios dalgunha persoa que se sentiu estafada e que colaborou coa denuncia”. 

Cada persoa paga até 70 euros ao mes por acceder a un emprego e por conservalo

Pérez Carballo detallou que a política de persoal de Ecourense tivo un punto de inflexión a partir de decembro de 2018, cando se contrata de súpeto a máis de 40 traballadores/as. “Hai que lembrar que levabamos anos pelexando para que se cubriran xubilacións, vacantes por invalidez, etc, reclamacións que nunca foron atendidas”. Pero entón, seis meses antes das eleccións municipais, fanse estes 40 contratos por seis meses de duración, “nunha manobra que respondía claramente a intereses electoralistas”.

A partir de entón repítense unha serie de contratacións, sempre precarias (de fin de semana, a tempo parcial...), que se reparten dun xeito “que roza as prácticas mafiosas”. Unha metade (e estamos a falar de até 60 contratos dunha vez) correspóndelle a FCC, unha das empresas da UTE Ecourense, mentres que sobre a outra metade decidían encargados, capataces e mesmo algúns concelleiros, “contratándose as persoas que eles querían”.

Pero o 50% do cupo de FCC é xestionado directamente pola organización STL -“que non pode ser considerada un sindicato”- mediante unha empresa chamada Asociación Impulso ao Emprego (Imprego), cuxo obxectivo era supostamente favorecer a integración laboral de persoas en risco de exclusión social. Curiosamente, Imprego está dirixida pola compañeira sentimental do secretario xeral do STL, que tamén foi detida na operación policial levada a cabo na Coruña.

As persoas beneficiadas con estes contratos de traballo tiñan que pagar unha tarifa mensual que comezou por 63,50 euros e rematou nos arredor de 70 euros, tal e como se pode comprobar nos extractos bancarios aportados no seu día á Fiscalía pola CIG. No caso dos contratos parciais a cantidade roldaba os 40 euros ao mes. “Cando alguén se negaba a seguir pagando misteriosamente acabábaselle o contrato”.

Complicidade de FCC e do Concello

O secretario comarcal sinala que todo isto se facía coa complicidade de FCC, polo que entende que esta empresa debera ser tamén investigada, e do Concello de Ourense, “xa que a Alcaldía foi a primeira porta na que petamos antes de ir á Fiscalía, e dixéronnos que ían actuar pero ao final non fixeron nada”. 

Chegaron a contratar no servizo de limpeza a compañeira sentimental e a unha filla do responsábel do STL

Tempo despois a Fiscalía rematou por pechar o caso e esas prácticas continuaron, até tal punto de que o 25 de outubro de 2022 a compañeira sentimental do responsábel do STL é contratada fixa a tempo completo, cando había 58 persoas a tempo parcial con contratos de fin de semana que segundo co convenio colectivo teñen prioridade para cubrir os postos fixos que se creen. “Chegaron até a contratar a unha filla, con 18 anos recén cumpridos, e non cremos que fora porque se atope en risco de exclusión social”.

Por todo isto, dende a CIG-Ourense cualifican de “moi grave” o que está a acontecer no servizo de limpeza e consideran que agora que se están a redactar os pregos do concurso para renovar unha concesión que se atopa en precario “é o momento de que o Concello estableza un sistema de contratación transparente, como corresponde a unha empresa que xestiona un servizo público desta dimensión, e que se impida legalmente nas propias bases de contratación malversar e trapichear cos empregos”.

De feito, e ante o elevado número de irregularidades detectadas nas contratacións, a CIG logrou con denuncias diante da Inspección que nos últimos 18 meses até 80 persoas que se atopaban en fraude de lei afectadas por este entramado tivesen que pasar a ser indefinidas a tempo completo.