A CIG outórgalle o Premio “10 de Marzo” á loita contra a explotación laboral do persoal de Servicarne

Carril: “Exemplifica moi ben cal debe ser a nosa práctica sindical”
Nacional - 15 Mar 2019

A CIG acordou outorgar o premio 10 de marzo á loita das traballadoras e traballadores  da cooperativa de traballo asociado, Servicarne, contra as condicións de “auténtica escravitude” á que estaban sometidos como falsos autónomos no sector da industria cárnica. Un conflito que comezou dentro do grupo Coren, primeiro en Frigolouro (Porriño) e que se espallou desde aí a Coren Ourense e, pouco a pouco, ao resto das provincias, e sobre o que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamou a atención porque “exemplifica moi ben cal debe ser a nosa práctica sindical”.

Carril, que foi o encargado de facer entrega do agasallo á representación das traballadoras e traballadores de Servicarne, lembrou que canda este, ao longo do ano 2018 sucedéronse “intensos e importantes conflitos no adverso panorama que estamos a vivir de desigualdade, inxustiza, represión, forte recentralización nas relacións laborais  e intensa españolización a todos os niveis”.

Un ano no que tomou posesión un novo goberno, o do PSOE, resultado dunha moción de censura que, despois de 9 meses, “ten demostrado que non ten  intención real de cambiar as políticas do PP, ao manter o modelo económico e de relacións laborais nacido das reformas laborais aprobadas en 2010, pero sobre todo a do 2013”, que Carril cualificou como “verdadeiro atentado e golpe de estado” aos dereitos laborais e da negociación colectiva.

Abondando niso denunciou as consecuencias desa reforma que trouxo consigo novas “modalidades de explotación laboral, estendendo a precariedade e a pobreza laboral, aumentou o empobrecemento xeneralizado e afondou nas desigualdades de xénero”.

Por iso considerou que as medidas aprobadas nos últimos meses, ou as contempladas nos fallidos Orzamentos Xerais do Estado para 2019, pactadas polo PSOE e Podemos, eran “claramente insuficientes, e mesmo por baixo de acordos aprobados en sede parlamentaria”, como o Decreto sobre SMI ou o control da xornada; “inxustas”, como o Decreto sobre contratos relevo e xubilación parcial; “cando non do peor do contínuismo das políticas do PP, ao se manter as reformas das pensións do 2011 e 2013, e mesmo un significativo recurte da inverstimento en Galiza”.

Nesta realidade considerou tamén merecedoras de mención, como exemplos na  capacidade de loita da clase traballadora galega no ano 2018, outras loitas que quixo salientar, como as duras xornadas de folga das auxiliares do naval en Navantia Ferrol e Fene, ou do persoal de Ferrovial do CHUO de Ourense, así como moitas máis que “incansabelmente fai no día a día a militancia da CIG nos centros de traballo e desde a máis absoluta adversidade, pero na máis profunda convicción da capacidade de loita da clase traballadora galega.”

Exemplo de Servicarne

Mais tomando o exemplo de Servicarne lembrou a todas as persoas que conforman a CIG a obriga de facer valer ao máximo “o compromiso sindical e a solidariedade de clase”, reforzando ao sindicato como unha expresión viva e organizada, con  capacidade de organiza e dar resposta para o conxunto da clase traballadora, “tirando de todos os medios sindicais e legais dos que dispoñemos para afrontar situacións, como a que hoxe premiamos, como as que cada día están máis presentes, de sobre-explotación e precariedade, de invidualización das relacións laborais e de estratificación da clase traballadora”.

Chamou a “sermos activos e activas, atrevidos e atrevidas á hora de tomar todo tipo de iniciativas para actuar nos centros de traballo, para ser un instrumento reivindicativo útil, con capacidade de propoñer solucións” e salientou “o recoñecemento e a credibilidade” da CIG. Unha cuestión que, ao seu entender “exixe mellorar o coñecemento do que sucede nos diferentes sectores e centros de traballo; atinar na formulación das alternativas concretas e pórse á fronte das loitas sen medos e co convencemento do enorme potencial que ten a mobilización social e a solidariedade de clase, onde os sectores da clase traballadora, en mellores condicións, asuman como propia a defensa de quen está en peor situación”.

Principios básicos do modelo sindical da CIG

Apelou a todas as persoas presentes a “practicar, ao máximo,  os  principios básicos do noso modelo sindical”, entre os que salientou o asemblearismo, a participación, a mobilización, a combatividade e a construción de organización sindical.

O secretario xeral da CIG concluíu lembrando que é imprescindíbel ter moi presente que “os dereitos non se regalan, nin se compran, nin veñen do chamado pacto social, do diálogo social, máis ben ao contrario,  os direitos conquistanse coa loita e a mobilización, porque esa é a vía para avanzar nas conquista de dereitos e na transformación da sociedade”.