A CIG presenta unha emenda para rematar coa discriminación do persoal gardacostas de Galiza

Demanda que na Lei de Pesca Sustentable se contemple a súa integración no TREMAR
Nacional - 17 Nov 2022

A CIG-Administración Autonómica vén de solicitar a modificación da Lei 47/2015, del 21 de outubro, reguladora da protección social das persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro, cunha emenda á Lei de Pesca Sustentable, que está en trámite parlamentario, para que acolla o persoal funcionario das escalas de Gardacostas.

Ao persoal funcionario das escalas de gardacostas de Galiza se lle exixe, como a todos os traballadores do mar,  os requirimentos do Instituto Social da Mariña (ISM) para poder realizar as súas funcións como unha formación específica e a superación dun recoñecemento médico. Máis, ao tempo, o propio sistema non os admite porque non están dentro do réxime especial do mar xa que están no réxime xeral da seguridade social.

Está situación esperpéntica supón que o noso persoal non teña a protección para a súa saúde, como a xubilación anticipada ou a vixilancia médica específica que necesitan polos riscos que para a saúde supón o traballo no mar. Isto é mais grave se temos en conta que, porén, os compañeiros da privada que comparten o ámbito laboral coas tarefas e  os  medios da Xunta (embarcacións, etc..) están no TREMAR con normalidade.

A CIG-Administración Autonómica leva meses reclamando á Consellería, ao Goberno e ao Parlamento de Galiza que aporten unha solución a esta discriminación que unicamente sofren por ser persoal funcionario, razón coa que o ISM determina a súa exclusión do réxime especial do mar. Neste sentido, a responsable da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos denuncia que, “malia ser coñecedores polo de agora nin a Xunta da Galiza nin os ministerios implicados aportaron solución real ao problema”.

Burgos explica que, por iso, a CIG preparou unha emenda á Lei de Pesca Sustentable en trámite parlamentario e a remitiu a todos os grupos galegos e españois co fin de buscar unha saída viable que remate con esta retorta situación.

A emenda foi finalmente presentada polo BNG e propón o encadramento do persoal gardacostas no TREMAR para ter acceso a formación e os recoñecementos do ISM e a aplicación dos coeficientes redutores para a xubilación do 1,5 que pode verse aumentado en relación coas súas funcións efectivas.

Zeltia Burgos solicita o apoio de todos os grupos políticos e da sociedade en xeral, “para que remate cunha discriminación arbitraria que unicamente se xustifica da administración española por razón do seu réxime xurídico: son funcionarios e funcionarias públicas”.