A CIG rebélase contra o despido “inxusto, violento e mafioso” do seu delegado no comité de Barreras

Desenvolveu unha protesta diante do estaleiro en Vigo e ten convocada unha manifestación en defensa do sector para este xoves
Vigo - 12 Xul 2021

Un nutrido grupo de traballadores/as e delegados/as sindicais da CIG participaron hoxe na concentración convocada ás portas do estaleiro vigués Barreras para rexeitar o despedimento do representante da central sindical no comité e para esixir a súa inmediata readmisión. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na mobilización cualificou a decisión da empresa de “inxusta, violenta e mafiosa” e adiantou que as mobilizacións para reclamar un futuro industrial para o sector e contra a represión sindical en Barreras continuarán este xoves día 15 cunha manifestación polas rúas da cidade.

A protesta desenvolveuse de 11:00 a 12:00 horas ás portas do estaleiro, onde se desprego unha faixa rexeitando a represión sindical, ao berro de “Despedido readmisión”, “Barreras, escoita, estamos en loita” e “Abuso patronal, resposta sindical”. Ao remate da mobilización, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tomou a palabra para denunciar o despido “inxusto, violento e mafioso” do compañeiro, nun intento da dirección de Barreras de “atemorizarnos e amedrentarnos na loita que levamos dende hai meses na defensa do sector naval no seu conxunto e en particular nesta empresa”.

Po iso lanzoulle unha mensaxe aos responsábeis do estaleiro: “Que non pensen que con este despedimento van amedrentar os traballadores/as do estaleiro ou van intimidar a CIG; estamos aquí para dicirlles que non temos medo, por iso imos continuar coas mobilizacións para esixir a readmisión do compañeiro e demandar solucións que garantan o futuro do sector”.

Manifestación este xoves en Vigo

Neste senso, chamou a participar na seguinte protesta, que terá lugar este mesmo xoves día 15 de xullo e que consistirá nunha manifestación que sairá dende a Dobrada ás 19:00 horas para esixir unha solución para o sector e polo futuro industrial da comarca.

“A estas reivindicacións temos que engadirlle agora o rexeitamento da represión sindical, xa que nos atopamos diante dun feito que só se recorda nos libros de historia e que constitúe un comportamento típico de terrorismo patronal”, sinalou.

Tamén cargou contra a “delincuente xestión” do estaleiro, incluíndo a pretensión de impor un ERTE “de forma fraudulenta e sen causa xustificada de ningún tipo”. Finalmente, reiterou que “sen industria non hai futuro, e sen naval tampouco” e lamentou que “aínda por enriba de que nos queren deixar sen emprego tamén pretenden roubarnos o noso dereito a protestar e a esixir os nosos dereitos”.