A CIG reclama a Carrefour que suspenda o inventario xeral do domingo 24 até que remate o estado de alarma

A central reclama que se respecte o dereito ao descanso do persoal
A Coruña - 22 Mai 2020

A representación da CIG no Carrefour rexeita a decisión da multinacional francesa de retomar os inventarios xerais en domingo, no día de descanso semanal do persoal e cando seguimos en estado de alarma. Diante da decisión de facer estes inventarios o próximo domingo, 24 de maio, os delegados/as da central no hipermercado de Alfonso Molina (A Coruña) fixeron unha recollida de sinaturas para trasladar o malestar que existe entre o persoal (que recibiu un amplísimo respaldo) e no Carrefour Champion de Santiago e Sada presentouse denuncia na Inspección de Traballo (nestes centros, ademais, farase inventario na sección de frescos ao remate da xornada do luns 25).

Os delegados e delegadas da CIG critican a total falta de sensibilidade da empresa e o desprezo que amosa con esta decisión, cando no mes de marzo aprazou a realización de inventarios xerais “para evitar situacións de concentración masiva de persoal”, en cumprimento das recomendacións trasladadas polas autoridades sanitarias e pola normativa gobernamental, "polo que non ten sentido que seguindo no estado de alarma agora se celebre".

"A Carrefour non lle chega con ter o seu persoal amoreado durante toda a semana que agora tamén quere que vaiamos o domingo traballar, incrementando así a nosa exposición ao risco de contaxio e impedindo o noso dereito a descansar", denuncian.

Neste senso, lembran que o persoal destes centros está soportando unha importante sobrecarga de traballo dende o inicio do estado de alarma. De feito, no caso da Coruña hai preto de 50 traballadores e traballadoras se atopan en situación de baixa laboral por ser especialmente sensíbeis á COVID-19; mentres que nos Champion de Santigo e Sada só se conta nestes momentos co 30% do cadro de persoal.

E en moitas ocasións, engaden, sen dispor das medidas de protección necesarias, tal e como resolveu a Inspección de Traballo nos seus informes. De feito a día de hoxe, a empresa non levou a cabo a totalidade das medidas de seguridade requiridas pola Autoridade Laboral en base ás denuncias da realizadas pola CIG.

Imposibilidade de garantir as medidas básicas de seguridade

Sinalan tamén que as medidas básicas de seguridade non se poden levar a cabo na realización do inventario xeral concentrando a todo o persoal, tanto interno como externo, no centro de traballo sen asegurar a distancia mínima entre persoas de dous metros en todo momento, facendo un uso compartido de ferramentas e material de traballo e manipulando a totalidade dos produtos para o seu conteo.

Os delegados da CIG queren destacar a falta de sensibilidade amosada por parte de algúns mandos, que banalizan o temor do persoal ao contaxio ante a falta de medidas de seguridade.

De igual xeito, a representación da CIG agradece o amplo apoio recibido á recollida de sinaturas feita na Coruña (xa se realizara unha similar no Carrefou de Lugo, onde se fixo o inventario a pasada semana) e a solidariedade dos traballadores e traballadores, o que deixa en evidencia o enorme rexeitamento que a decisión da compañía suscita "e que o persoal xa está farto de tanto abuso patronal".