• Nova

A CIG reclámalle a Política Social que actúe a prol da dignificación laboral das traballadoras dos SAF

A central concentrouse nas diferentes delegacións territoriais da consellaría
Nacional - 05 Xul 2022

A CIG realizou concentracións este martes diante das delegacións territoriais de Política Social para exixir da Xunta de Galiza, como administración responsábel do servizo, que atenda as demandas das traballadora dos Servizo de Axuda no Fogar e inste as empresas concesionarias a que apliquen de inmediato a suba do 6,5%, correspondente ao IPC de 2021, e negocien un convenio que supoña unha mellora real das condicións destas profesionais.

As protestas enmárcanse na campaña que a CIG-Servizos está a desenvolver a prol da dignificación laboral e salarial das traballadoras do SAF, para que se recoñeza o labor esencial que prestan e para reclamar unha mellora da calidade asistencial ás persoas usuarias. Por iso, con estas concentracións demándase a implicación directa da consellaría de Política Social (como administración responsábel deste servizo público) e un incremento dos fondos que se destinan á axuda no fogar para poder manter unhas condicións laborais e asistencias dignas.

Cómpre lembrar que a Xunta ten delegado a atención a domicilio nos concellos e estes, á súa vez, privatizan a prestación do servizo a través de empresas concesionarias, repercutindo directamente no deterioro da calidade da atención ás persoas usuarias e das condicións de traballo. Pero ademais, en moitos casos, as empresas nin sequera cumpren cos pregos de condicións, condenando as traballadoras á precariedade absoluta.

Por iso, a CIG-Servizos ten iniciado unha campaña dirixida ás tres patas do sector: ás empresas para que procedan á actualización inmediata dos salarios segundo o establecido no convenio colectivo, e que negocien un convenio que dignifique as condicións laborais e salarias; aos concellos para que obriguen as concesionarias a cumprir cos pregos e co convenio; e á Xunta de Galiza para que mellore as condicións dos contratos do SAF, incrementando o prezo do servizo e que este incremento reverta en melloras para as familias e as traballadoras.

Neste senso, a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández defende que no novo convenio ten que se garantir que todas as empresas estean reguladas polos mesmos prezos, para evitar “esa piratería que existe agora de ir moitas veces a concursar por 12€/hora”. E lembra que nun concello vén de se sacar recentemente un concurso onde unha das empresas concursou por 12€/hora, o que “vai non xa en detrimento das traballadoras senón en detrimento do convenio colectivo e o servizo”.

Sistema público único

Para evitar esta atomización e dignificar os traballados de coidados e mellorar a atención, a CIG promoveu unha ILP para a creación dun sistema público galego de atención ás persoas, na que, entre outras cuestións, se propuña que todos os SAF estiveran integrados nesa rede pública rachando coa actual circunstancia de que por vivir nun concello ou noutro as traballadoras que prestan axuda ao fogar teñan que condicións laborais diferentes, e os veciños e veciñas duns concellos ou doutros teñan un mellor ou peor servizo en función do lugar onde se presenten.

Porén, o PP rexeitou no Parlamento a proposta da CIG, nunha clara aposta por seguir coas políticas de privatización e desmantelamento dos servizos públicos e coa concepción mercantilista dos coidados.