A CIG reclama melloras para os servizos de Socorrismo de Galiza e rematar coa precariedade

Pide que dotar de medios as/os profesionais e a implicación das Administracións
Nacional - 09 Xul 2019

Ante as noticias sobre a xuntanza mantida entre a Federación Galega de Salvamento e Socorrismo (FESSGA) e o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta para abordar a situación deste sector en Galiza, a CIG-Servizos reitera a aposta por uns servizos de socorrismo de calidade, dotando de medios ás e aos profesionais e mellorando as súas condicións laborais, e ao tempo reclama das Administracións Públicas "que se preocupen menos polas bandeiras azuis (outorgadas por empresas privadas) e máis polas persoas que usan as nosas magníficas praias".

A central critica que a FESSGA apareza publicamente interpelando o director de Emerxencias cando está a participar nos acordos e iniciativas que a Xunta e a FEGAMP teñen adoptado nas últimas semanas para os servizos de socorrismo co único propósito de precarizar o emprego e que as empresas poidan tirar máis beneficio a conta destes servizos.

Entende que as propostas e críticas da Federación nesa  xuntanza son dunha hipocrisía manifesta "pois hai unha circunstancia evidente, que a FESSGA é un actor con intereses propios dentro da xestión dos servizos de salvamento, pois como empresa opta aos concursos que sacan os Concellos", apunta Rubén Duruelo, da CIG-Servizos da Coruña. Unha externalización que a central sindical tamén cuestiona xa que se trata de servizos que afectan á seguridade da cidadanía "e deberían ser públicos sempre".  

No relativo á nova categoría de auxiliar de socorrismo "que se quere inventar a Xunta", a CIG-Servizos rexeita de maneira tallante esta proposta, que só serviría para afondar na precarización das condicións destes servizos, "coa creación dunha figura que lastraría aínda máis os escasos recursos destinados a estes importantes servizos públicos".

Atrancos das empresas na negociación do convenio

Pola contra, a CIG leva anos solicitando ás patronais do sector que, dentro do Convenio de Instalacións Deportivas (que actualmente está en negociación), dea a importancia que ten á figura dos socorristas en espazos naturais e "non imos consentir a creación de novas categorías".

De igual xeito, a CIG-Servizos non considera que unha solución para o sector sexa formar a profesionais, nunha actividade tan específica como esta, de maneira semipresencial, tal e como propón a FESSGA. "A solución igual pasa porque as entidades que imparten estas formacións axusten os prezos e non cobren por enriba dos 1500 euros por curso", asevera Duruelo.

Por último, insiste en que a carencia de profesionais para cubrir a demanda estival "ten moito que ver cos soldos precarios e malas condicións laborais, os concursos para privatizar estes servizos,  e o emprego do diñeiro público para outras cuestións menos importantes que a seguridade dos e das bañistas".