A CIG reclama unha actuación urxente do Concello de Miño ante os graves e reiterados incumprimentos no SAF

A empresa concesionaria, Os Ventos, non respecta os dereitos das traballadoras nin das persoas usuarias
Miño - 19 Xan 2026

A representación da CIG no SAF do Concello de Miño denuncia que a empresa Os Ventos, concesionaria do servizo, leva case dous meses incumprindo as condicións dos pregos e a normativa laboral. Porén, desta situación “o Concello de Miño non está a tomar as medidas precisas para que o servizo se preste respectando os dereitos das traballadoras e das persoas usuarias”, polo que a CIG demándalle ao Goberno municipal “que actúe xa, con valentía e sen medias tintas”.

Francisco Cartelle, da CIG-Servizos, salienta que dende o comezo da prestación do servizo por parte da empresa Os Ventos estanse a rexistrar “graves e continuos” incumprimentos dos pregos de condicións e da lexislación laboral. Así, especifica:

  1. Estanse a realizar contratacións de persoas que non posúen o certificado de profesionalidade, o que incumpre a normativa e provoca a precarización e deterioro do servizo.
  2. Estanse a realizar xornadas laborais sen os descansos legalmente estabelecidos entre xornadas.
  3. Estase permitindo traballar a persoas que non teñen contrato para o Concello de Miño.
  4. Estanse a aboar mal as nóminas das traballadoras.
  5. Non se están a respectar as anteriores condicións do persoal, incumprindo cos deberes de subrogación
  6. Estanse a se recortar horas de atención as persoas usuarias, o que provoca unha atención insuficiente das mesmas.
  7. A coordinación do servizo é deplorábel e ás veces inexistente.
  8. Os usuarios e usuarias están a padecer un servizo son escasa cobertura e de pésima calidade.

Todos estes incumprimentos resultan inaceptábeis e supoñen un claro incumprimento das condicións de prestación da atención no fogar. Por iso, a CIG demanda unha actuación inmediata e contundente para garantir os dereitos das traballadoras e unha atención de calidade.