Reivindican o mantemento de toda a carteira de servizos no hospital de día neumolóxico do Clínico

CIG-Saúde Compostela alerta que o recorte imposto pola Xerencia obriga os/as doentes a pasar por Urxencias cada vez que se atopen mal

Santiago -

A Xerencia da área sanitaria de Santiago-Barbaza vén de reducir a carteira de servizos que presta o hospital de día neumolóxico do Clínico, sen informar desta reestruturación á representación social nin explicar que alternativas propón para que os e as doentes que sofren unha patoloxía respiratoria crónica agudizada non teñan que acudir ás Urxencias cada vez que se atopan mal.

O hospital de día neumolóxico do hospital Clínico, explican dende CIG-Saúde Compostela, constitúe un instrumento útil na xestión da atención a doentes respiratorios, xa que reduce as necesidades de hospitalización, mantendo a calidade asistencial e complementando outros dispositivos. De feito, despois da primeira consulta os/as doentes chaman directamente o hospital de día cando se atopan mal para ser atendidos/as por un neumólogo ou neumóloga.

Porén, co recorte na carteira de servizos acordado pola Xerencia, agora deben acudir ao servizo de urxencia, con todo o que supón para estas persoas ter que agardar dende que se efectúa o primeiro diagnóstico até a melloría ou ingreso.

O hospital evita que os/as doentes pasen por Urxencias e reduce os ingresos

A este respecto, os/as delegados/as de CIG-Saúde Compostela, destacan que co hospital de día "conséguese que vaian menos doentes a Urxencias, de maneira que este servizo ten menos presión asistencial, e tamén se consigue que ingresen menos doentes e durante menos tempo, así como que o persoal médico de Atención Primaria teñan a posibilidade de remitilos ao especialista sen necesidade de pasar por Urxencias".

Ante a negativa do xefe de servizo a dar información á Comisión de Centro sobre a situación do hospital de día de neumoloxía, a CIG-Saúde Compostela e Barbanza, rexistrou este martes unha serie de preguntas á Xerencia para a súa resposta por escrito, inquirindo cantas persoas están afectadas por este recorte, que medidas se adoptarán para garantir a atención a estes/as doentes crónicos/as (tendo en conta ademais un posíbel repunte do coronavirus) e os motivos polos que non se comunicou esta reorganización á representación social. Asi como, se existe unha avaliación da UPRL de dita unidade.

Volver