• Nova

A CIG revalida a maioría absoluta nas eleccións en Cyrgasa, auxiliar con máis persoal da factoría de Alcoa

A central obtivo tres dos/as cinco representantes do comité
A Mariña - 02 Feb 2022

O pasado martes día 1 celebráronse na empresa CYRGA,S.A., a maior das auxiliares de Alcoa, as eleccións sindicais para a renovación do seu comité de empresa. Estaban convocados para este proceso os 96 traballadores e traballadoras que conforman o cadro de persoal, dos cales exerceron o seu dereito de voto 91, o que representa unha participación dun 95%.

O escrutinio outorgoulle á CIG o 56% dos votos emitidos, o que supón un incremento próximo a 6 puntos porcentuais con respecto ás anteriores eleccións. As candidaturas de CCOO e de UGT, os outros dous sindicatos que se presentaron a as eleccións, obtiveron o 28% e o 13% dos votos, respectivamente.

Traducido a representantes, a CIG consigue tres delegados no comité, por un representante para cada un dos outros sindicatos. Deste xeito, a CIG renova a maioría absoluta que xa tiña e Diego Fernández, que encabeza a candidatura da central nacionalista, repetirá como presidente á fronte do comité de empresa.

A CIG da Mariña destaca a masiva participación no proceso e agradece o grande apoio dos traballadores e traballadoras á CIG, "o que vén confirmar a nosa liña sindical na empresa e contribúe a consolidar o liderado do noso sindicato a nivel nacional".