A FGAMT-CIG rexeita a oferta de compra da conserveira Thenaisie porque só garante 12 dos 140 empregos

Considera que a proposta “insultante” de Conservas Dani incumpre o plan de liquidación
O Grove/Mos - 17 Abr 2021

A FGAMT-CIG vén de amosar o seu total rexeitamento á oferta presentada por Conservas Dani para facerse coa conserveira Thenaisie Provote, con centros de traballo no Grove e en Mos, xa que unicamente garante 12 dos 140 empregos existentes. Na central sindical cualifican de “insultante” a proposta e consideran que incumpre incluso o propio plan de liquidación de Thenaisie.

A responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, asegura que a oferta, a única presentada nesta última fase do proceso de liquidación, “é unha tomadura de pelo” e censura que non inclúe o centro de traballo de Mos, “cando no plan de liquidación se establece que a unidade produtiva está integrada por todas as naves da empresa, a maquinaria e o persoal”. Por iso anuncia que a central sindical solicitará en primeiro lugar aclaracións, e a continuación presentará alegacións á oferta co obxectivo de que se mellore. 

A oferta de compra non inclúe o centro de traballo de Mos

Con todo, agarda que a proposta non sexa aprobada polos bancos, o administrador concursal e o xuíz do Mercantil, que son os que teñen a última palabra. “Do contrario, faremos todo o posíbel para impugnala, porque non garante a continuidade do proxecto industrial nin de todos os postos de traballo”, indica.

Subrogación do persoal

De feito, sinala que con 12 empregadas/os é imposíbel que a conserveira poida seguir traballando. “Teñen que subrogar a todo o persoal, e despois se precisan tempo para adaptar e modernizar a fábrica poden negociar un ERTE coas centrais sindicais; porque unha vez despedidas/os as traballadoras/es ninguén lles garante que van volver a ser contratadas/os”.

Finalmente, quere deixar moi claro que a CIG seguirá a traballar para garantir a continuidade de todos os empregos de Thenaisie e lamenta que se rexeitase a proposta anterior do empresario Alfonso Caneiro, que se comprometía a manter os postos de traballo.