• Nova

A CIG-Saúde chama a participar na manifestación deste domingo en defensa do hospital de Valdeorras

Denuncia a supresión das áreas sanitarias para centralizar a asistencia en grandes complexos
Valdeorras - 26 Nov 2021

A federación de Saúde da CIG fai un chamamento a participar na manifestación en defensa do hospital comarcal de Valdeorras convocada pola xunta de persoal este domingo 28 dende a casa grande de Viloira, no Barco, ás 12:00 horas. Na central sindical denuncian que o progresivo desmantelamento do hospital responde á planificación da Xunta do PP de suprimir as áreas sanitarias para centralizar a atención médica en grandes complexos hospitalarios.

Para a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, o que está a acontecer co hospital comarcal valdeorrés “é a crónica dunha morte anunciada”, xa que a Lei de Saúde aprobada polo PP en 2018 persegue a supresión das áreas sanitarias co obxectivo de centralizar a asistencia en grandes complexos hospitalarios. “Deste xeito afastan a sanidade das persoas, limitando a accesibilidade e rompendo o principio de equidade”, censura. 

A manifestación sairá da casa grande de Viloira, no Barco, ás 12h

Outras consecuencias da entrada en vigor desta lei foi a diminución do orzamento destinado á sanidade pública, a consolidación dun menor número de camas e un maior protagonismo para a sanidade privada. “Por iso o que está a pasar co hospital de Valdeorras responde á aplicación desta lei coa que o PP deixou sen efecto a anterior aprobada polo bipartito PSOE-BNG”.

A responsábel sindical lembra que a CIG-Saúde leva tempo denunciando na mesa sectorial que non se estaban a cubrir as prazas de persoal facultativo no centro médico valdeorrés, para o que reclamaba a negociación e medidas que garantisen a súa cobertura. “Mais o Sergas negouse, e o resultado é que hoxe temos menos facultativos que no ano 1997”. Segundo sinala, todo isto responde ao desmantelamento “planificado e sistemático” do hospital, de igual xeito que antes se intentou no hospital de Verín co peche do paridoiro.

Esixir responsabilidades

Por iso considera necesario esixir responsabilidades polas consecuencias que está a ter a política sanitaria do PP na provincia de Ourense. “Agora están a tomar medidas desesperadas para intentar rebaixar o descontento social que motivou a convocatoria de protestas como a deste domingo”. Con todo, lembra por exemplo que o distrito de Valdeorras é a única área sanitaria galega que non conta cunha unidade medicalizada do 061, “a pesar de que levamos 10 anos solicitándoa”.

Abuín fai fincapé no risco que esta situación representa para a vida das persoas xa que os doentes graves atópanse que non poden ser trasladados a Ourense, “nin en Ourense teñen o persoal suficiente para atendelos”. Deste xeito, reclámalle ao Sergas que negocie medidas de recuperación das áreas sanitarias para dotalas de equipo directivo e de orzamentos propios para as prazas dos centros hospitalarios como o de Valdeorras deixen de ser de difícil cobertura.